Sin categoría

Gondomar impartirá cursos de primeiros auxilios a clubs e asociacións

O Concello de Gondomar pon en marcha, por primeira vez, cursos de primeiros auxilios destinados á formación de adestradores dos clubs deportivos e centros culturais. Trataranse síntomas como signos vitais, avaliación primaria e secundaria, síncopes e lipotimias, convulsións, feridas, hemorraxias, fracturas, escordaduras e luxacións. Na parte de SVB, tratarán temas como PAS, RCP adultos e nenos, vía aérea, OVACE ou a PLS (posición lateral de seguridade).

A xornada formativa será o sábado 23 de marzo no Centro Neural, en quenda de mañá (10:00 a 13:00 horas) e tarde (de 17:00 a 19:00 horas). Para participar no mesmo, os interesados deberán presentar as solicitudes desde o 5 ao 15 de marzo, e reunir os requisitos como estar empadroado no Concello de Gondomar, ser maior de 16 anos, ter o título de monitor, adestrador ou equivalente e/ou o número de deportistas que ten o club deportivo ao que pertence.

“Estes cursos de primeiros auxilios levarémolos a cada parroquia do municipio, aos seus centros culturais e asociacións de veciños, porque cremos prioritario informar á cidadanía de como salvar vidas e afrontar episodios sanitarios cunha primeira intervención no lugar mentres non acoden os sanitarios profesionalizados, e que tantas vidas pode chegar a salvar mentres tanto”, asegurou a concelleira Nuria Lameiro como responsable de Deportes e Cultura e traballadora do servizo médico do O61.

Os interesados, para maior información, poden contactar nos teléfonos 986 360 305/608 748 393 ou o correo electrónico deportes@concellodegondomar.com.