A corporación ao completo do Concello de Nigrán propoñerá no pleno ordinario de mañá xoves 28 de febreiro que a Consellería de Educación poña en funcionamento a cociña do CEIP Humberto Juanes e, ao mesmo tempo, se saque a concurso a contratación da xestión do comedor, todo elo para acabar co actual sistema de catering. O Concello de Nigrán apoia deste xeito a iniciativa da dirección do centro, ANPA e Consello Escolar.
A moción cifra en 83.900 € o custe estimado para habilitar a cociña, dispondo xa o centro das instalacións axeitadas para a súa creación. Tanto dente a comunidade educativa como dende o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, poderían elaborarse menús máis variados, achegaría aos nenos á cultura do esforzo e traballo ao non separar fisicamente o proceso de elaboración do resultado final e crearía un ambiente máis familiar no centro. Ademais, considérase que permitiría menús máis equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos.
A comunidade educativa destaca a importancia do comedor como instrumento imprescindible hoxe en día «para a conciliación da vida laboral e familiar» e a necesidade de que a alimentación dos nenos sexa saudable «para o seu óptimo crecemento e desenvolvemento».
«Non se trata dun capricho nin dunha proposta utópica xa que, por un lado, o cociñado no propio centro levará unha alimentación moito máis saudable e por outro esta fórmula de contratación do servizo da xestión do comedor escolar por procedemento aberto é unha realidade en polo menos 32 centros da Comunidade Autónoma de Galicia», destaca a moción.
O CEIP Humberto Juanes, situado ao carón da Casa Consistorial, é o colexio máis numeroso de Nigrán con preto de 400 alumnos.

