Nigrán abre a súa programación de Entroido co desfile escolar polo centro do municipio

O Concello de Nigrán abre a súa programación de Entroido mañá venres co xa tradicional desfile escolar do CEIP Humberto Juanes e a Escola Infantil A Galiña Azul. Máis de 400 alumnos percorrerán disfrazados as rúas do centro dende as 12:00 horas para rematar coa entronización do meco (“Roboquiña”) no colexio e posterior xantar e convivencia. O sábado será o xa tamén tradicional carnaval surfeiro de Patos Surf Club dende ás 11:00 horas nesta praia (o requisito imprescindible é meterse na auga disfrazado).

Xa o luns 4 será o Entroido infantil no Auditorio dende as 17:30 horas e ao día seguinte, martes 5 de marzo, pola mañá acollerá o concurso de Entroido que cada ano realizan conxuntamente os centros de día do Val Miñor e xa pola tarde (dende as 19:00 horas) realizarase un baile con música en directo, un fotomatón e merenda a base de doces típicos da época. O sábado 9 será o concurso de comparsas e o domingo día 10 o Concello organiza por segundo ano consecutivo a excursión de maiores a Cuntis para festexar a “Festa do Lacón” (é preciso inscrición previa).

O Entroido finaliza o sábado 16 de marzo co tradicional Enterro do Kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello ás 18:00 horas tirado por un carro de bois para ser velado dende as 19:00 horas no Torreiro de Parada, actos que rematarán coa súa queima e o concerto do grupo Azar.

Anuncios