A ANPA do CEIP Mallón de Nigrán únese á reivindicación doutras ANPAS a nivel nacional para restituír a figura do conserxe nos centros educativos, defendendo que se garanta a seguridade do alumnado. A LOMCE, na súa disposición adicional 15ª establece que “A conservación, mantemento e vixilancia dos edificios destinados a Centros públicos de Educación Infantil, de Educación Primaria ou de Educación Especial, corresponderán ao municipio respectivo”.
Lembran que ante a falta de conserxes, a seguridade constante sobre o alumnado recae nos equipos directivos, que exercen este labor “por pura responsabilidade” cara aos menores e as súas familias, xa que non corresponde aos seus labores. “Un Concello sensible en materia de educación pública, entendería a vixilancia no seu máis amplo sentido. E isto só pode realizarse mediante a contratación dun conserxe que garanta coa súa presenza á entrada dos colexios, control de acceso e seguridade”.
Os conserxes afianzan a seguridade, tanto do edificio como do seu contido. Iso significa pechar e abrir con chave as portas dos edificios, todos os días. Tamén comproban as alarmas de incendio e asegúranse de que leve a cabo regularmente o mantemento dos extintores. Os conserxes coidan dos sistemas de calefacción e levan a cabo reparacións menores.
O Concello de Nigrán informou que creará este ano a través da liña 2 e 3 do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra 24 postos de traballo temporal, entre os que se inclúe un conserxe para o CEIP Mallón. “O Concello cubrirá nos próximos días os postos de conserxe de tres colexios de Nigrán vacantes desde o 10 de xaneiro, para o que se realizará unha contratación urxente empregando a listaxe da última selección de interinos”.
Segundo a ANPA, en realidade están vacantes desde o 18 de decembro, xa que desde esa data non dispoñen de conserxe, ademais, contratarase durante 9 meses, que transcorren desde marzo ata novembro, incluíndo os tres meses de verán en que os centros educativos están pechados, e por tanto estas persoas trasladaranse a outros postos diferentes. “Polo que volveriamos estar de novembro a marzo sen conserxe nos centros educativos”.
Ademais, a Asociación de Nais e Pais asegura que “a nosa experiencia cos dous últimos conserxes foi moi negativa e moi preocupante, polo que poñemos en dúbida a fiabilidade do sistema de selección de persoal para os centros educativos. Un dos conserxes asignados non tiña os coñecementos básicos para poder desempeñar as súas funcións, pero ademais, despois de cometer unha falta moi grave, foi expulsado inmediatamente do centro. Unha vez a situación foi posta en coñecemento do alcalde de Nigrán, sendo reclamado ata da ANPA e do propio centro para que asistise ao Consello Escolar do pasado 6 de novembro de 2018, e demandar unha solución inmediata e duradeira, adxudicóusenos un novo conserxe durante un mes, o cal estaba a cumprir unha pena que lla impuxo, dato que non coñeceu a dirección do centro nin a ANPA ata superado o período polo que se lle contratou, polo que o Concello, o seu departamento de selección e o propio alcalde, estaban a pasar por alto a normativa que esixe que todo o persoal que traballa nun centro educativo ten que ter un informe de penais libre de cargas”.
“Unha vez máis, atopámonos co mesmo problema e coa mesma solución para só 9 meses, que en realidade, non soluciona nin mellora nada. Desde a ANPA do CEIP Mallón de Nigrán, esiximos unha solución duradeira e válida”, conclúen.

