Denuncian que o goberno de Nigrán paga salarios por debaixo do establecido na normativa laboral

O goberno de Nigrán non aplica a base orzamentaria relativa aos salarios do persoal do concello que establece que en ningún caso o persoal laboral con xornada completa terá unhas retribucións inferiores a 13.863,78 euros anuais ou a parte proporcional no caso de persoal a tempo parcial. Isto último supón que o persoal contratado coa subvención do Plan Concellos que se lle vai abonar o salario mínimo vai cobrar 105 euros menos mensuais cando traballe a tempo completo.

Estas subvencións están orientadas principalmente a colectivos mais vulnerables como poden ser, no caso do Plan Concellos, as persoas desempregadas, onde se dá prioridade ás vítimas da violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas con familia monoparental con fillos ao seu cargo, persoas cos niveis de renda máis baixas ou ás que teñen cargas familiares.

A estas persoas no ano 2018 o goberno de Nigrán preferiu aplicarlle o Salario Mínimo Interprofesional aprobado polo goberno do Partido Popular, entre un 10 e un 40 % menos que aos salarios recollidos nos convenios colectivos aplicables.

Nigrán Decide, estima que os salarios deixados de cobrar polo persoal do concello, por non aplicarlle o convenio colectivo, chega aos 32 mil euros no ano 2018, polo que presentou unha moción, que o goberno non tramitou, para que se lle recoñeza a todo o persoal contratado os salarios segundo os convenios colectivos aplicables. Xa no ano 2016 Nigrán Decide presentou unha moción similar, para que as persoas contratadas a través das subvencións do Plan Concellos se lle abonasen os salarios conforme aos convenios colectivos, sendo acusados polo Alcalde de Nigrán de ser populistas ao estilo de Trump. “Agora, ao non tramitar o goberno a moción, obríganos a tramitala por urxencia no pleno deste xoves”.

“É lamentable que un goberno dun partido que leva no seu nome o «S» de socialista e o «O» de obreiro non aplique a normativa laboral e pague salarios por debaixo do establecido nos convenios e do Salario Mínimo Interprofesional, especialmente cos colectivos máis vulnerables como son as persoas desempregadas e as perceptoras do RISGA”, sinala José Cuevas, para engadir que “confiamos que nesta ocasión o goberno se poña ao carón dos colectivos mais vulnerables e deixe de explotalos non aplicándolle os convenios colectivos”.