Tres vitorias e unha derrota para o Laroca na quinta xornada da liga galega de xadrez

O sábado celebrouse a quinta xornada de xadrez, con tres vitorias e unha derrota para o Laroca. Na primeira división o xadrez Laroca A impúxose no seu desprazamento a Vigo ao Villa de Bouzas por 1-3, puntos conseguidos para os laroqueiros por Artai, Tino e Sergio. Con este resultado suman 14,5 puntos e afiánzase na segunda posición da clasificación.

Na segunda división resultados dispares para os miñoráns. O Laroca B impúxose por 1,5-2,5 no desprazamento a Tui para enfrontarse ao Chiringo Contos Tui, puntos conseguidos pola vitoria de Rafa e as táboas de Patricio, Dani e Paco. Con este resultado colócanse na cuarta posición da táboa con 11 puntos.

O Laroca C perdeu no seu desprazamento a Mos para enfrontarse ao Mos B por 2,5-1,5, puntos conseguidos pola vitoria de Tomás e as táboas de Carlos. Este resultado non lle vale aos miñoráns para abandonar os postos de descenso xa que ocupan a décima posición con 7 puntos.

Na terceira división vitoria para o Laroca Mallón-IES Auga da Laxe no seu desprazamento a Vigo para enfrontarse ao Villa de Bouzas C, por 0-4, puntos conseguidos por Ricardo, Ana, Mauro e Laura. Con este resultado os laroqueiros colócanse segundos da táboa con 14,5 puntos.

O próximo sábado suspéndese a liga galega por mor da celebración dos campionatos galegos sub 14 e sub 18, que se celebrarán en Cangas do Morrazo, nos cales o Laroca participará na categoría de sub 18.

2019-02-26 - Bouzas_laroca mallon