Gondomar perde unha subvención de 65.000 euros para a mellora dun camiño “por incumprir prazos”

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Concello de Gondomar vén de anunciar un recurso contencioso administrativo contra a Xunta de Galicia, á que o goberno local atribúe a perda dunha subvención de 65.000 euros dos fondos FEDER para a mellora do Camiño de Cernada en Vincios.

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, entende que o recurso “ten pouco recorrido”. Segundo explicou, o rexedor “sabe que non fixo as cousas ben e agora pretende cargarnos coa culpa dos seus erros”.

López-Chaves non oculta a súa estrañeza de que o alcalde acuda agora a xustiza cando “é consciente de que non actuou coa suficiente dilixencia”. O representante do goberno galego na área territorial de Vigo nada máis coñecer as intencións do Concello, tras perder a axuda relacionada cunha obra xa terminada de mellora no Camiño de Cernada, en Vincios, interesouse polo estado do expediente vinculado a esta actuación, competencia da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

“Presentou unha factura por importe de 59.639,99 euros fóra do período de elixibilidade”, apunta o delegado territorial da Xunta en Vigo. “Por este motivo, fíxose unha perda do dereito a cobro da que o único responsable é o Concello de Gondomar”, agregou. López-Chaves lamenta a decisión do alcalde “pese a saber que non ten razón, e lonxe de asumila culpa e recoñecela súa responsabilidade, oculta o verdadeiro motivo polo que perdeu a subvención; pagar fóra do prazo esixido”. “Ao igual que os veciños deben cumprir os prazos que se lle esixen para o pago dos seus impostos, e senón saben que terán que pagar recargo, as administracións públicas están suxeitas as mesmas obrigacións”, indica o delegado.

Os case 60.000 euros destináronse ao acondicionamento do pavimento, asfaltado de camiños, ampliación da calzada, rectificado de cunetas, canalización das augas pluviais, creación de arquetas e melloras en xeral da accesibilidade. O tramo no barrio de Cernada-Xián inclúe o percorrido desde a antiga fonte ata chegar ás lindes do monte comunal.