Baiona premiará cun smartphone ao gañador do concurso “Cambia a Historia”

Baiona pon en marcha na rede Instagram o concurso “Cambia a Historia“ durante a celebración da Festa da Arribada. O concurso forma parte da campaña “Agresión Off”. Eu digo non á violencia sexual”, enmarcada no acordo recentemente asinado entre a Vicepresidencia e a Axencia de Turismo de Galicia, e que ten como obxectivo difundir a campaña, tanto nas festas de interese turístico galego, nacional e internacional, como nos festivais acollidos á marca Fest Galicia. Este acordo forma parte das medidas postas en marcha ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O concurso ten como obxectivo difundir a campaña entre a xuventude a través da rede social Instagram e monitorear a repercusión da mesma durante a Festa.

O concurso comeza o venres 1 de marzo ás 20:00 horas e remata o luns 4 de marzo ás 12:00 do mediodía. Os requisitos para participar no mesmo son contar cunha conta de usuario real pública na rede social Instagram e subir unha fotografía a Instagram no photocall ou cos bocadillos con mensaxes da campaña que se difundirá na Festa da Arribada, utilizando os dous hashtags #cambiaahistoria e #agresiónOFF. O photocall estará instalado no exterior do punto informativo en materia de violencia de xénero, na rúa Elduayen (o venres 1 de marzo dende as 20:00 ata as 2:00 horas do sábado; o sábado 2 dende as 20:00 ata as 3:00 e o domingo dende as 16:00 ata as 21:00 horas) e os bocadillos con mensaxes acompañarán aos educadores e educadoras de rúa que estarán na Festa da Arribada facendo difusión da campaña no mesmo horario que o da apertura do punto informativo en materia de violencia de xénero.

A foto que acade máis likes gañará un smartphone Huawei Y6 2018 DS BLACK.

As bases que rexen a convocatoria do concurso poden consultarse nesta ligazón.

Anuncios