Sin categoría

A outra arribada histórica a Baiona

O profesor e escritor Avelino Sierra Fernández presentou este martes o seu último traballo de investigación, titulado “Baiona en el siglo XV. La otra arribada histórica”. Este libro é un paso máis na recuperación e divulgación da historia naval de Baiona, relacionada coas frotas das Indias. Trátase da chegada, sete anos despois do da Pinta, tamén ao porto da Vila, da primeira carabela comercial chegada ao Vello Continente, procedente do Novo Mundo e portando o maior botín rescatado naquela época.

Baiona foi o epicentro de Galicia na carreira das Indias e a súa importancia como primeiro enclave comercial portuario na expansión marítima que sucedeu ao Descubrimento, viuse reforzada polo outorgamento da Real Cédula do 15 de xaneiro de 1533, pola que o Rei Carlos I autorizaba ao porto da Real Vila a facer viaxes directamente ás Indias, sen pasar pola cidade de Sevilla. Neste libro atoparemos cédulas reais e protocolos notariais que veñen constatar o tráfico por esta ruta Baiona-América, así como os ilustres navegantes que participaron nesta nova etapa.

Avelino Sierra, profesor de maxisterio, exerceu a docencia na súa primeira etapa en Asturias ata que tocou escoller destino definitivo e fincouse en Baiona, concretamente na parroquia de Santa Cristina. Exerceu de profesor e director do Colexio de Sabarís e anos máis tarde no Instituto Primeiro de Marzo. Fixo a súa incursión na política local no ano 1987 e estivo uns 16 anos aproximadamente. Entre as concellerías ao seu cargo estaban a de Cultura e Educación.

Escritor de varios libros, entre os que destacan “Historia de la carabela Pinta” (1991), “…y legué a Baiona” (1993), “La carabela Pinta y su arribada a Bayona” (1994-1997-2008), “Arribada del Descubrimiento” (1998), “Fundación y orígenes de Bayona como Villa de Realengo” (2001), “El Realengo de Baiona” (2003), “Romancero Colombino de Huelva” (2005), “Arribada de la Pinta a Bayona” (2013) ou “A Merca no Réxime Señorial” (2019).