“A parábola do angazo”, de Talía Teatro, este mércores no IES Auga da Laxe

Este mércores 29 de marzo, ás 20:00 horas, dentro da programación dunha Semana Cultural con diferentes actividades, o salón de actos do IES Auga da Laxe acollerá a representación da obra “A parábola do angazo”, da compañía Talía Teatro. A función está aberta a toda a comunidade educativa e ao público en xeral. A entrada é gratuíta, pero é necesario contactar co instituto por teléfono (886110209) ou por correo electrónico (ies.augadalaxe.gondomar@edu. xunta.gal) para reservar invitación. Se quedasen entradas, poñeranse a disposición do público no acceso ao centro o propio día desde media hora antes da función.

“A parábola do angazo” é unha comedia na que, a través do humor e a partir de textos de diferentes autores e autoras, Talía Teatro convídanos a reflexionar sobre as linguas no mundo e, entre todas elas, sobre a nosa, o galego, para botar unha ollada ao noso pasado, para ter outra perspectiva do noso presente e para mirar de esguello ao futuro.

Esta actividade inclúese dentro da programación dunha Semana cultural que se celebra no IES Auga da Laxe entre o 27 e o 31 de marzo, con diferentes actividades dirixidas a todos os grupos dentro do horario lectivo. Entre as propostas dirixidas ao alumnado, inclúense iniciativas como un obradoiro con Nee Barros, para falar da súa obra “Identidade”; un obradoiro de poesía con Anxo Iglesias arredor do seu libro “Unha nova dimensión” ou unha sesión de contos, “Historias de arrepío”, coa actriz, escritora e narradora oral Paula Carballeira.

Haberá tamén excursións e saídas didácticas: ao novo parque de aventura de Vigo, a unha sesión de bolos celtas ou a un roteiro histórico-artístico por Vigo, no que se inclúe unha visita á Vila Romana de Toralla e ao MARCO. A programación inclúe tamén diferentes charlas e obradoiros sobre Picasso, sobre xestión do estrés, sobre educación emocional, sobre finanzas, sobre mindfullness e ioga, sobre orientación académica, sobre programación, etc.

Ademais, cada día haberá un reto relacionado co uso do galego, celebrarase a Semana da Froita e, durante os recreos, poderase desfrutar de obradoiros de xogos populares preparados por un grupo de alumnos e alumnas para os seus compañeiros e compañeiras e para o profesorado.

O luns 27 terán tamén unha sesión do Club da Igualdade, na que contarán coa presenza de Nee Barros para falar de diversidade de xénero e o venres 31, no recreo, haberá na aula de música un concerto a cargo de “Los cazadores demócratas”, un dos grupos residentes dos obradoiros de música do instituto.