Un libro e unha aplicación para coñecer o patrimonio cultural de Gondomar

O Auditorio Lois Tobío acolleu este sábado a presentación do libro “Percorridos polo Patrimonio Cultural da Vila e Concello de Gondomar de Miñor”, autoría de Antonio Soliño Troncoso e Juan Chamorro Sanromán, membros do IEM. O acto foi presentado por María Lemos, do IEM, e contou coas intervencións de Xulián Maure, director do IEM, e dos dous autores da obra. Pechou o acto Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar. Todos os asistentes recibiron un exemplar do libro.

A publicación ten a súa xénese nun encargo do Concello de Gondomar a través de Xosé Antón Araúxo cando ocupaba o cargo de concelleiro de Turismo, con texto en galego e castelán. Consta de 496 páxinas a cor que inclúen 61 mapas/planos de todo o municipio e 213 fotografías dos distintos tipos de patrimonio tratado. O proxecto, para o que se contou cunha subvención do Plan Concellos 2017, retoma e amplía outro impulsado no seu momento polo anterior alcalde, Fernando Guitián.

Ademais desta publicación en soporte papel, complétase con outra versión dixital que, mediante a tecnoloxía adecuada e unha correcta aplicación, permite acceder telemáticamente a toda a información escrita e gráfica recompilada. O traballo completo divídese en catro capítulos ou apartados. O primeiro céntrase na contextualización histórica e xeográfica do territorio tratado. Unha serie de percorridos nos que se mestura todo tipo de temáticas conforman o segundo. O terceiro compóñeno varias rutas de tema único, monotemáticas, todo o que poden ser ao aire libre en espazo aberto. Por último, o cuarto, moi conciso, recolle unha serie de datos de interese.