O PP de Gondomar acompaña á plataforma por un Transporte Digno no encontro coa conselleira

O Partido Popular de Gondomar cumpriu o compromiso acadado o pasado 1 de decembro, coincidindo coa presentación da candidata e presidenta, Paula Bouzós, de mediar coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para que a Asemblea Veciñal por un Transporte Digno (AVTG) fora recibida en San Caetano e poder así manifestar as súas necesidades.

Tras as xestións realizadas pola alcaldable do PP, a devandita reunión tiña lugar este xoves en Santiago de Compostela. Na xuntanza, na que os integrantes da plataforma foron acompañados por membros do PP de Gondomar, a conselleira explicou aos membros da Asemblea os pasos que se levaron a cabo no seu día para que Gondomar entrase a formar parte do transporte metropolitano de Vigo.

A representante autonómica recordou que no 2015 a Xunta fixo todo o posible para que Gondomar se integrase no transporte metropolitano da área de Vigo, se ben recordou que entón os grupos da oposición, dos que formaba parte o actual rexedor, Francisco Ferreira, votaron ata en dúas ocasións en contra da adhesión. Neste senso, Bouzós subliña que entón “mentres que uns votaban en contra outros solicitaban de forma firme a súa incorporación”, en clara referencia ao PP.

Ethel Vázquez tamén lles adiantou que a Consellería está a traballar no novo plan de transporte no que entrará Gondomar, englobando tamén a liña directa ao Cuvi, que veñen reclamando desde hai tempo tanto a Asemblea Veciñal como o Partido Popular de Gondomar. Este novo plan sairá a exposición pública no mes de xuño e entrará en funcionamento a finais deste ano, coincidindo co remate das concesións de transporte actuais. Neste senso, a titular de Infraestruturas e Mobilidade convidou á AVTG que fagan as súas propostas ao documento, por ser eles os que mellor coñecen as necesidades de transporte en Gondomar.

Expediente a Melytour

Por outra banda, no encontro a conselleira tamén deu conta do expediente aberto á empresa Melytour, que ten a concesión Gondomar-Vigo, despois das inspeccións feitas polos incumprimentos de horario e de rutas. A este respecto, confirmou que a empresa Melytour fixo unha contraproposta á modificación de rutas e horarios que está estudando a delegación de Mobilidade en Pontevedra e que en breve se terá que executar.

Tanto a AVTG como a presidenta do PP gondomareño, Paula Bouzós, recoñecéronlle á conselleira a boa sintonía que hai coa delegación de Mobilidade de Pontevedra e, en especial co xefe territorial da Consellería, José Luis Díez. Así, comentaron a boa receptividade coas súas demandas. Por último, agradeceron á conselleira que tivera a ben recibilos, para que coñecera de primeira man as necesidades do transporte de viaxeiros en Gondomar.

Anuncios