Heredeiros da Crus ofrecerá un concerto en Baiona

A concelleira de Cultura de Baiona, María Iglesias, anunciou este xoves que o Parque da Palma acollerá o sábado 20 de abril a partir das 23:00 horas o concerto da mítica banda galega Heredeiros da Crus, formada por Francisco Javier Vázquez Maneiro “Javieriño” (voz), Antonio Novo Suárez “Tuchiño” (guitarra solista), Antón Axeitos Ares “Tonhito de Poi” (sachadora rítmica), Francisco Javier Velo Cambeiro “O Jran Fran Velo” (baixo) e Manu Rey (batería).

Heredeiros da Crus nacen en Castiñeiras, en Ribeira (A Coruña) en 1992. Logo duns primeiros ensaios nun galiñeiro de Poi, ese mesmo ano ofrecen o seu primeiro concerto na mítica Festa da Dorna. En 1994 publican o seu primeiro disco, “A Cuadrilla de Pepa a Loba”, un álbum que marcou un antes e despois na historia do rock en galego e no que se inclúen himnos como “Quero josar” ou “O fillo de José”.

As letras descaradas e divertidas, as guitarras poderosas, o falar natural, con gheada e seseo, e a actitude provocadora e irreverente, fixeron dos Heredeiros todo un símbolo para milleiros de galegos e galegas dos anos 90 famentos de música e cultura coa que identificarse, un movemento que moitos bautizaron como rock bravú e do que son herdeiros moitos dos grupos galegos contemporáneos.

Logo de converterse nun dos grupos insignia do Xabarín Club e de ofrecer ducias de concertos sempre memorables (e normalmente polémicos) por toda Galicia e parte do estranxeiro, en 1996 edítase o segundo disco de Heredeiros da Crus: “Está que te cajas!!”, con temas emblemáticos como “O teu fillo fuma porros”, a melancólica “A chaqueta de lana” ou “Frenaso no calsonsillo”, unha peza na que colabora o mesmísimo Rosendo Mercado.

En 1997 os Heredeiros publican dous traballos: “Criatura”, un EP de cinco temas (entre eles, outro himno: “Non quero nada de ti”) e “Des Minutos”, no que empezan a versionar cunha exitosa versión do “My Sharona”, que eles titularon “Vaiche boa”. O seguinte álbum publicouse dous anos despois, en 1999, baixo o título “Erecsiones munisipales”: un disco que por primeira vez conta con outros instrumentos e sonoridades como os metais nalgunhas pezas.

Un ano despois, en 2000, Heredeiros da Crus publican o seu sexto disco, un dobre álbum gravado en directo, titulado “All right Chicago” (que converteu a Heredeiros na primeira banda galega en editar un disco en directo), no que se pode apreciar a potencia do grupo de riba dos escenarios, un lugar onde todo é posible: disfraces, improvisacións, lanzamento de obxectos, colaboracións do público, mesmo stripteases…

Logo de catro anos nos que, entre outros proxectos, editaron un disco de versións baixo o nome de “Recambios Tucho” (2001), en 2004 publicaron o seu sétimo (e último) disco como Heredeiros da Crus: “Chicarrón”, un traballo con sons máis pausados que incluía un DVD con material extra (unha iniciativa tamén pioneira na música en galego).

En 2005, o grupo retírase dos escenarios e cada un dos heredeiros inicia os seus propios proxectos musicais. O 3 de marzo de 2012 facíase realidade o soño de toda unha xeración: volver ver sobre un escenario aos míticos Heredeiros da Crus. Un verano de festivais con cheos absolutos e milleiros de persoas entoando todos e cada un dos temas da banda de Ribeira puxeron o resto. Dez anos despois, decídense a publicar un novo disco, “Jard Rock Con Fe”.