
Este domingo, día 24 de febreiro, Domingo Corredoiro, celebrarase o III Certame de Coplas do Entroido organizado pola Asociación Cultural Centáurea, coa colaboración do Concello de Gondomar e a Deputación de Pontevedra. Participarán as comparsas “As Vellas do Taper” de Chaín, “Vacas Molonas” de Borreiros e “Esensias Amorosas” de Peitieiros, actuando como convidadas “Os Tarteiras” de Vigo e “Animodo” de Domaio.
A troula iniciarase ás once e media da mañá coa concentración das participantes no campo da Feira. Dende alí sairán en pasarrúas percorrendo Elduayen, Eduardo Iglesias, Manuel Losada e rematando na Alameda, onde a partir das doce do mediodía as comparsas interpretarán cadansúas coplas.
O acto será presentado e amenizado polos regueifeiros Bieito Lobariñas e Luís Caruncho. Ao remate entregarase un agasallo ás comparsas participantes e o premio á mellor valorada polo xurado.