Sin categoría

“A Arribada é un soño que se repite unha vez ao ano”

Baiona celebrou este venres a presentación oficial da Festa da Arribada 2019, que nesta edición conmemora o 526 Aniversario da chegada da carabela Pinta, “unha festa que celebramos ao grande desde que somos conscientes da transcendencia que supuxo para a vila de Baiona, a noticia do Descubrimento de América, sendo o primeiro porto de Europa occidental en ter a primicia de tal acontecemento”, afirmou a concelleira de Cultura ao comezo da súa intervención.

Tan só quedan 7 días para recibir cos brazos abertos aos centos de visitantes e turistas. Será o 1, 2 e 3 de marzo próximos, nos que a Vila de Baiona transfórmase nun burgo medieval coa algarabía de mercadores e comerciantes, de artesáns, de trobadores e de xograres, cun sen fin de actividades lúdicas e recreativas que nos fan sentir protagonistas celebrando un dos seus capítulos históricos máis gloriosos.

O Real Mercado Medieval da Arribada estará composto por 71 postos individuais de venda de artesanía situados no casco antigo; 70 postos propios de comida e artesanía situados na rúa Marqués de Quintanar e Santa Liberata; 37 postos de establecementos da Vila que ocupan a fachada do seu propio negocio, 16 asociacións gremiais, situadas en Santa Liberata, e 6 Paradas dos Pobos Irmáns (Palos de la Frontera, Santa Fe de la Vega de Ganada, Pornic, Vila do Bispo e Baiona), todos eles con produtos típicos das súas zonas. En total, uns 200 postos.

A programación da festa arrancará o vindeiro martes, día 26 de febreiro, coa presentación do último traballo do profesor e escritor Avelino Sierra Fernández, titulado “La otra arribada histórica”, ás 19:30 na Casa da Navegación.

Dous días despois, o 28 de febreiro, ábrese o VII Ciclo de Conferencias dos Pobos Colombinos de España, con Sabía Colón onde ía?, do escritor e xornalista Javier Sierra. O 11 de abril pechará o ciclo a relatorio “María Pita. A expedición filantrópica da vacina que salvou ao mundo das vexigas (1803-1814)” da avogada, novelista histórica e académica das artes, as letras e as ciencias Almudena Arteaga y del Alcázar.

Como arranque da Festa, o venres 1, festivo local en Baiona, a Praia Ribeira acollerá o espectáculo “El Presagio”, no que o druída Haemus anunciará a todos os habitantes da Vila unha predición: a inminente chegada dun navío cunha noticia que cambiará o seu mundo para sempre. Trátase dun espectáculo de Pablo Méndez Performance que abrirá estelarmente as actuacións medievais desta Arribada.

Entre as novidades destaca o Alpendre dos Bois, unha mostra etnográfica sobre a vida do Boi en Galicia, carros, arados, apeiros de labranza e instrumentos agrícolas de diversa índole. A Morada de Otto o Dragón e as Aves Xurásicas, un recuncho situado no Paseo Ribeira onde descansa o dragón e as aves que durante o mercado sairán a pasear polas rúas. O Recuncho dos Monicreques na Rúa Carabela Pinta, no que os nenos e nenas darán renda solta á súa imaxinación da man dos contacontos e marionetas. O Campamento Circense, tamén na Carabela Pinta, obradoiros onde aprenderán as habilidades motrices dos acróbatas, como as bólas malabares, o prato chinés, os zancos e o monociclo.

Repetirán actividades que tanto éxito tiveron a edición pasada como a Alameda dos Aprendices, onde os máis pequenos poderán facer gravados de madeira, ourivaría, cerámica, repuxado de coiro, repostería, escritura gótica, acuñación de moedas, bordados e costura, tapices de época, lacrado, etc. A zona de Playmóbil Medieval na Rúa Carabela Pinta e que amplía o seu recinto, con castelos, piratas, bucaneiros, príncipes e princesas, damas e cabaleiros e multitude de personaxes Playmóbil con que xogar, soñar e facer as delicias dos máis pequenos.

Tamén volven os paseos de Camelos e Dromedarios pola Praia Concheira e a zona chamada “Terrario exótico” O Centauro, onde nos atoparemos co encantador de serpes e as súas pitóns albina, atigrada, xaguar, a boa constritor e a anaconda. Tartarugas xigantes, a iguana, os guacamaios, os agapornis e os papagaios de cola vinagre. Tamén poderemos ver na súa Granxa Medieval pavos, patos, ocas, gansos, chamas, porco espíns, coellos, coballas, mapaches, raposos, burros e ponis. Unha actividade lúdica e educativa para os máis pequenos.

Como exposicións temáticas este ano teremos “A historia da escritura e a imaxe impresa. Unha viaxe polo tempo” na Biblioteca Pública e “Os Mesteres da Ribeira” na Capitanía Marítima de Baiona, inaugurada ao finalizar a presentación, realizada conxuntamente por dous baioneses, o historiador Anxo Rodríguez Lemos, que achega mocidade e sabedoría, e o redeiro Remigio Leyenda, que achega a experiencia e veteranía. Poderase gozar tamén das mostras de “Encaixes de Palillos” e dos “Labores de Calceta” no Viveiro de Empresas situado na Rúa do Reloxo.

Os concertos de música relixiosa e profana do renacemento “Senhora do Mundo” Camerata Più Bassa, a Banda de Música de Baiona, o grupo de gaitas A Seneira, as actuacións circenses e aéreas como Peronio Circus, las Tres Dimensiones, Meciendo el Aire, Entre Estrellas e Desafío a la gravedad a cargo de Leyenda Viva. A Danza Suf, unha danza na que o bailarín chegará ao transo… Troula Animación divertirannos cos seus pasarrúas de bufóns, zancudos e malabares. Kepler T&T co seu espectáculo nocturno “Tenebrae”.

Non nos podemos esquecer da Cetrería, da Xusta Medieval, do Tiro con Arco, da Contenda de Esgrima, do Desafío Medieval con descensos en tirolesa, rocódromos, rappel, torre multi-aventura, equilibro no ponte mono, o Adestramento de Cabaleiros, as Atraccións Medievais e os quebracabezas de madeiras con xogos tradicionais de toda a vida.

Finalmente, o feito histórico, a Representación da obra da “Arribada do Descubrimento”, obra escrita polo profesor e historiador Avelino Sierra e dirixida por Mónica Sueiro, cunha repartición de actores e figurantes coa dificultade que ten o feito de representala en directo no mesmo escenario que hai 526 anos. Todo un luxo.

Pola súa banda, o alcalde, Ángel Rodal, destacou que a Festa da Arribada é de todo o pobo de Baiona, “na que as asociacións, os colectivos, os empresarios e comerciantes poñen todo o que está na súa man para acoller aos miles de visitantes que acoden a gozar e pasear polas nosas rúas e prazas medievais”. Tamén comentou que “a Arribada é un soño que se repite unha vez ao ano e que estimula cada un dos cinco sentidos, esperta sensacións, creando experiencias únicas”.

Para pechar o acto, todos os asistentes puideron degustar os doces típicos da Festa, “Os Ñoclos de Pinzón” e “As Tortas de Sarmiento”.