12 rutas temáticas polas comarcas da provincia unirán museos e gastronomía

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá o novo produto turístico “Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía” que oferta 12 rutas temáticas con percorridos por museos, centros de interpretación e recursos patrimoniais das comarcas da provincia unidos á gastronomía e con propostas de restaurantes e aloxamentos. Carmela Silva asegurou que este novo produto, enmarcado na campaña “Fame de experiencias”, “vai situar aos museos como un dos axentes de promoción turística da provincia e unilos ás excelencias gastronómicas que temos para espertar moita fame de vir ata aquí e coñecer todas as experiencias que se poden vivir”.

En liñas xerais, o novo produto turístico para a provincia de Pontevedra ofrece doce rutas tematizadas con información detallada sobre museos, centros de interpretación, xacementos arqueolóxicos, elementos patrimoniais musealizados abertos á visita, así como lugares de interese paisaxística, produtos e eventos gastronómicos e establecementos de restauración e aloxamentos de cada unha das zonas polas que transcorre o percorrido. “Falamos de que moitos destes recursos, destes museos e centros de interpretación teñen unha estreita relación cos produtos gastronómicos e co viño, e cunha grande diversidade temática e estreita conexión co noso territorio”, manifestou Silva.

As doce rutas que integran o produto turístico “Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía” son: “Terra de fronteiras, auga e historia” (comarca do Condado), “Puro Atlántico” (comarcas do Baixo Miño e Vigo), “Un mar de historias” (comarca de Vigo), “Arte e cidade” (comarca de Vigo), “O campo, un mundo de riquezas” (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), “O sagrado na natureza e o control da paisaxe” (comarca do Baixo Miño), “Entre o mar e a terra” (comarca do Morrazo), “As historias dos mananciais” (comarca de Caldas), “Do mar e do viño” (comarca do Salnés), “Terra adentro” (comarca do Deza), “Un tesouro artístico” (comarca de Pontevedra) e “Viño e lamprea” (comarca da Paradanta).

Segundo manifestou a presidenta este novo produto turístico trátase dun paso máis na aposta do goberno provincial pola desestacionalización e internacionalización. “As doce rutas propostas poden ser desfrutadas ao longo do ano, pola riqueza e variedade cultural, natural e gastronómica de cada unha delas”, asegurou a presidenta. En canto á internacionalización, Silva subliñou que o novo produto turístico “pretende reforzar, actualizar, mellorar e adaptar os museos e centros de interpretación a un público máis amplo, diverso e internacional”. Neste contexto a presidenta detallou que “Fame de experiencias. Saborea os seus museos, paséate pola súa gastronomía” trátase dun “produto aberto, amplo e dinámico, para público nacional e internacional, para a mocidade, para persoas que viaxan soan ou en familia, que permitirá coñecer a provincia a través de doce propostas atractivas asociadas coa cultura, gastronomía, viño, paisaxe e natureza”.

As doce rutas propostas que se integran neste novo produto turístico contarán cun espazo na páxina web de Turismo Rías Baixas. Ao mesmo tempo divulgaranse a través das redes sociais e de folletos individuais para cada unha das rutas que poderán atoparse tanto na web como nas oficinas de turismo.

– Ruta 1: Terra de fronteiras, auga e historia

o Comarca do Condado (concellos: As Neves, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Mondariz e Mondariz-Balnerario).

o Esta ruta ofrece as posibilidades de visitar museos e centros de interpretación como o de Taboexa ou a Casa da auga nas Neves, o Castelo de Sobroso en Mondariz, o Museo municipal de Ponteareas ou o Museo da enoloxía do Condado do Tea en Salvaterra. Amais tamén propón coñecer monumentos como o Castro de Altamira, os petróglifos de Taboexa, a ermida de San Bartolomé e a Igrexa de Santa María de Taboexa nas Neves; o mirador do Monte Picaraña ou os petróglifos de Gargamala en Mondariz; o balneario de Mondariz en Mondariz-Balneario; o castro de Troña e o miradoiro do Monte da Picaraña sobre o val do río Tea en Ponteareas e as Termas de Salvaterra de Miño.

o En canto aos eventos relacionados coa gastronomía destacan a festa do viño espumoso de Salvaterra ou a do Requeixo das Neves e produtos como os viños e viños espumosos, as rosquillas de Ponteareas, as augardentes, a lamprea, a auga mineral de Mondariz e verduras e hortalizas.

o Tamén se recomendan restaurantes (Casa Rivero, O Castelo, Catavento, O Frenazo, Adegas Coto Redondo, Señorío de Rubiós, Bodegas La Val e Bodega María Bargiela) e de turismo rural (Casa Uma, Casa da Urcela, Casa do Cribeiro, Casa María Bargiela)

– Ruta 2: Puro Atlántico

o Comarcas do Baixo Miño e Vigo (concellos: Oia, Gondomar, Nigrán e Baiona)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de visitar o Museo da Casa da Navegación de Baiona e monumentos como o Castelo de Monterreal, a virxe da Roca e a excolexiata en Baiona; o arco de San Xoán de Panxón en Nigrán ou o Mosteiro de Oia, petróglifos e os castros da Cabeciña, Cano dos Mouros e Chavellas en Oia. Tamén paisaxes e outros lugares de interese como a serra da Groba, o paseo do Monte Boi e o Cabo Silleiro en Baiona; o estuario da Foz de Ramallosa en Nigrán ou a ruta máxica de Oia.

o En canto aos eventos, a ruta propón a Festa da Arribada e a Festa do Ourizo de Mar de Oia e produtos como mariscos e pescados, conservas, patacas, carne de tenreira, mel, noces, viños brancos e auga mineral.

o Tamén se recomendan establecementos como o Hotel Talaso Atlántico, os restaurantes Casa Henriqueta, Porto dos Barcos, Rocamar, Casa Rita e establecementos de turismo rural como Casa Puertas e Casa Reitoral Areas.

– Ruta 3: Un mar de Historias

o Comarca de Vigo (concellos: Vigo, Redondela e Soutomaior)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de visitar a musealización do castelo de Soutomaior; o Museo do Mar de Galicia, o Museo ANFACO, o Centro de interpretación e vila romana de Toralla e o Centro arqueolóxico Salinae en Vigo, así como o Centro de Interpretación de Rande en Redondela. Tamén monumentos como o propio castelo de Soutomaior eo Monte da Peneda e paisaxes como a Illa de San Simón en Redondela; o parque nacional das Illas Atlánticas, un paseo pola Ría de Vigo, a Lonxa, a degustaciónd e ostras, o barrio de Bouzas, o antigo barrio mariñeiro do Berbés, as Illas Cíes e o Centor de Vistiantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas en Vigo.

o En canto aos eventos a ruta presenta, entre outras, a festa da ostra de Soutomaior, a festa da Reconquista de Vigo e a festa do Choco de Redondela e produtos como o marisco, o pescado, as conservas, salgados e viños.

o Tamén se recomendan restaurantes como Silabario, Mala Uva Wine Bar, Maruja Limón, Casa Soutomayor, Taberna A Mina, The Othilio, Galeguesa, Casa Gazpara así como establecementos de turismo rural como Casa da Barreira en Soutomaior.

– Ruta 4: Arte e cidade

o Cidade de Vigo (Vigo)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de visitar o MARCO, o Museo Municipal Quiñones de León, o Museo Etnográfico Liste e a Fundación Laxeiro en Vigo. Tamén monumentos como a Casa de ARines, o Palacete Urbano da Familia Pazos Figueroa e as casas de Manuel Bárcena. Outra das propostas desta ruta son as Illas Cíes, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Cemiterio de Pereiró, un paseo pola ría de Vigo, a lonxa, degustación de ostras, a ruta do mexilón, o barrio de Bouzas e o antigo barrio mariñeiro do Berbés.

o En canto aos produtos que se presentan destacan os mariscos, pescados, conservas, salazóns e viños. Tamén restaurantes como Silabario, Mala Uva Wine Bar, Maruja Limón, Casa Soutomayor, Taberna A Mina e The Othilio.

– Ruta 5: O campo, un mundo de riquezas

o Comarcas de Tabeirós e Terra de Montes (concellos: Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Forcarei)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de visitar a Casa da Gaita en Cerdedo-Cotobade, o Museo etnográfico Terra de Montes en Forcarei e o Museo do Pobo estradense. Tamén monumentos como os eirados de Pedre e da Ermida en Cerdedo, o mosteiro de Aciveiro e as Neveiras de Fixó en Forcarei e Santa María de Abanzazu e o Pazo de Oca na Estrada. E outros lugares de interese como as aldeas de Godela, Arufe ou Vichocuntín e a carballeira de San Xusto en Cerdedo-Cotobade; a contorna do río Ulla, a ruta das pontes do Lérez, a Serra do Candán e a aldea de Grobas en Forcarei.

o En canto aos produtos que se destacan nesta ruta aparecen a sidra, o queixo e requeixo, as setas, o cocido, a carne de xabarín, a carne de potro, o salmón, as filloas, verduras e hortalizas e a carne richada. Recoméndanse restaurantes como Sala Gradín, Casa Inés, Vitoria, París e Nixon e establecementos de turismo rural como A Casa do Avó, Casa da Pastora, Casa rural O Palomar.

– Ruta 6: O sagrado na natureza e o control da paisaxe

o Comarca do Baixo Miño (O Rosal, A Guarda, Tui e Tomiño).

o Esta ruta ofrece a posibilidade de coñecer o Museo Diocesano e Catredalicio de Tui, o Museo e xacemento arqueolóxico do Trega e o Museo do Mar da Guarda, a Casa dos Oficios do Rosal e monumentos como o Castro de Cabeza de Francos en Alto dos Cubos, a vía XIX romana, o convento das clarisas, o túnel das monxas clarisas, o mosteiro de santo Domingo, a Igrexa de San Bartolomeu, a ruta xudía, o balneario de Caldelas, a alameda de Santo Domingo e a ponte internacional en Tui; os muíños do Folón, do Picón e das Aceñas no Roal e a fortaleza de San Lourenzo de Goián en Tomiño. Tamén paisaxes e lugares de interese como o parque natural do Monte Aloia e o Centro de Interpretación da Natureza e o paseo fluvial de Tui; a ruta das Casas Indianas, das Cetarias, das salinas romanas, a senda litoral, o paseo polo monte do Trega ou o estuario do Miño na Guarda; o sendeiro de pesacores do Rosal e a Escola Indiana Unión del Porvenir en Tomiño.

o En canto aos produtos destacan as angulas, os grelos, as froitas e verduras, os peixiños de almendra, mariscos e pescados, viños e augardentes, os mirabeles e a anguía e a lamprea, espazos como a lonxa da Guarda ou eventos como a Festa da Angula de Tui, a festa da langosta e cociña mariñeira da Guarda ou a Feira do Viño do Rosal. Tamén establecementos como as adegas Terras Gauda e Valmiñor ou restaurantes como Chupa Ovos, Casa Aquilino, La Casa de la Abuela, Restaurante MArusia, Restaurante Xantar, The Celtic Harp, Lagar de Fornelos, así como establecementos de turismo rural como Casa Rural Abadeía Eiras, Casa Cruceiro Rías Bajas ou Casa Paredes Rías Bajas.

– Ruta 7: Entre o mar e a terra

o Comarca do Morrazo (Moaña, Cangas, Bueu e Marín)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de coñecer o Museo Massó de Bueu, o centro de interpretación de petróglifos de Mogor ou o Museo Manuel Torres de Marín e o Museo das Carreiras de Meira en Moaña. Monumentos como o conxunto das casas mariñeiras en Beluso – Bueu, o Monte do Facho en Cangas, o dolmen de Chan da Armada e o Castro de Subidá en Marín e o dolmen de Chan da ARquiña e o Pazo do Rosal en Moaña. Tamén paisaxes como a Illa de Ons, as praias de Marín a Bueu, Cabo Udra, e o mercado de abastos de Bueu; a costa da Vela, Cabo Home, o bosque encantando de Aldán e a baleeira Massó de Cangas; o parque dos sentidos de Marín e a ruta de sendeirismo do Río da Fraga e o monte Faro de Domaio en Moaña.

o En relación aos eventos gastronómicos cítanse, entre outros, a festa do polbo de Bueu, a da cigala de Marín ou a da exaltación da navalla de Cangas. E produtos como pescados e mariscos, conservas, algas, verduras e froitas e mazás e sidra. Entre os restaurantes cítanse a Centoleira, O Bruño, Menduíña, Casa Acuña, Cabo Home, Restaurante do Ade, Hoyo 19 e Veiriña do Mar; e establecementos de turismo rural como Casa Videira, Acuña Ons, A casa de Aldán, Casa Castromiranda, A Bouciña, A casiña do outeiro, A Cova da Balea ou Casa Durán.

– Ruta 8: As historias dos mananciais

o Comarca de Caldas (Valga, Catoira, Caldas, Cuntis, Moraña e Barro)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de coñecer o Centro de Interpretación das Torres do Oeste en Catoira, a fundación Terra Termarun de Cuntis, o Centro de investigación e divulgación do patrimonio cultural de Moraña e o Museo da historia de Valga. Tamén a ponte Bermaña, a fervenza de Segade e a carballeira e xardín botánico de Caldas e paisaxes como o Monte Xiabre, as fontes das Bugas e os hoteis balnearios Dávila e Acuña en Caldas, a laguna Pedras Miúdas en Catoira, as termas de Cuntis, o val do Umia, os muíños da Barosa en Barro e a ruta polo río Valga.

o Entre os eventos que destaca esta ruta atópase a Romaría Vikinga e a festa do carneiro ao espeto de Moraña e produtos como a lamprea, as angulas, as empanadas e viños, o marisco e pescado, o carneiro ao espeto e o roscón de Caldas. Amais recomenda os restaurantes O Muiño, Casa Emilio, Balneario Dávila e as Termas de Cuntis e casas de turismo rural como Os Carballos, Torre do Río, A Pedreira, a Casa da Torre e Casa A Camboa.

– Ruta 9: Do mar e do viño

o Comarca do Salnés (Sanxenxo, Meaño, O Grove, Cambados, Ribadumia, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova e Vilagarcía)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de coñecer museos como o etnográfico e do viño de Cambados, o centro de interpretación da pesca e da salga e o Quinteiro de Temperán no Grove, o centro de interpretación da conserva na Illa, o centro de interpretación da muller labrega en Meaño, o centro de interpretación dos muíños en Meis, o centro de interpretación fluvial do río Umia en Ribadumia, o centro de interpretación das Telleiras en Sanxenxo, o centro de interpretación da Ría de Arousa en Vilagarcía e a Casa Museo Valle Inclán e Irmáns Camba en Vilanova. Tamén monumentos como Adro Vello no Grove, o Monte do Castro ou os muíños de Barrantes en Ribadumia, a área arqueolóxica daLanzada en Sanxenxo e Castro Alobre en Vilagarcía. E paisaxes como o complexo intermareal Umia-O Grove, a Illa da Toxa, a Ruta dos Pazos e a Illa de Cortegada e as ruínas da antiga fortaleza do Castelo de Lobeira.

o Entre as propostas gastronómicas inclúe a festa do Albariño de Cambados, a Festa do Marisco do Grove, a festa dos produtos do mar da Illa de Arousa e a festa da cebola de Sanxenxo; produtos gastronómicos como o mexillón, a navalla e o rodaballo, as conservas e empanadas, os viños e augardentes e as verduras e hortalizas. En canto aos restaurantes recomenda Yayo Daporta, Culler de Pau, Restaurante Casa, La Taberna de Rotilio, Ribadomar, Pandemónium, A Casa de Miguel, La Portonovesa, Mar Divino Asador, restaurante Tío Benito, Bar Berberecho, Restaurante Carmen, adegas como Pazo de Señoráns, PAco y Lola, Martín Códax, Palacio de Fefiñanes, Terra de Asorei e casas de turismo rural como Casa da Muiñeira, Casa Mariñeira Louredes, Enoturismo Lagar de Costa, Casal de Folgueiras, a Casa dos Cancelos e Casa A Cachada.

– Ruta 10: Terra adentro

o Comarca do Deza (Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, Lalín e Dozón)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de achegarse á comarca a través do Museo etnográfico casa do Patrón, Castro Deza e o Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, o Museo municipal Manuel Lamazares de Rodeiro ou o museo da Minería de Fontao en Vila de Cruces. Tamén a través dos pendellos de Agolada, dos pendellos da Gouxa e o mosteiro de San Pedro de Vilanova en Dozón, do Pazo de Liñares en Lalín, do Mosteiro de Carboeiro en Silleda e do Alto da Madanela en Vila de Cruces, así como de paisaxes como a Fraga de Catasós, a Serra do Candán, o Sobredal do Arnego en Lalín e a Fervenza da Toxa en Silleda.

o En canto ao gastronómico, esta ruta inclúe a Feira do Cocido de Lalín ou a festa do xamón de Bermés en Lalín, tamén produtos como a empanada de Bandeira, o galo de Curral, o cocido, hortalizas e verduras, grelos, carnes de vacuno e de cerdo, xamón curado e asado, viños e augardentes, leite e queixos, rosquillas e melindres, castañas e mel.

o A ruta tamén recomenda establecementos como Casa Currás, Bodegón A Cunca, La Molinera, Cabanas, O Cruce, Agarimo, Casa Lodeiro, Vía Argentum, parrillada Montoto, O Fogar de Breogán, A Devesa, Kaqé Gastronomía e restaurante Porta do Sol de Lamela. En canto aos establecementos de turismo rural destaca Casa Vixide e Casa San Ginés.

– Ruta 11. Un tesouro artístico

o Comarca de Pontevedra (Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Ponte Caldelas)

o Esta ruta ofrece a posibilidade de achegarse á comarca a través do Museo Provincial de Pontevedra e de monumentos como os muíños da Barosa, o parque arqueolóxico de arte rupestre de Campo Lameiro; o conxunto de hórreos da Eira da Ermida en Cerdedo-Cotobade; a zona arqueolóxica da Caeira, o mosteiro de Poio e a Casa Colón en Poio; a área arqueolóxica Tourón en Ponte Caldelas; o centro de interpretación das Torres Arcebispais, o conxunto histórico artístico, a finca de Lourizán e o Mosteiro de San Benitiño en Pontevedra e as Salinas do Ulló en Vilaboa. Tamén paisaxes como a carballeira de San Xusto en Cerdedo-Cotobade e a Illa das Esculturas en Pontevedra.

o En canto ao gastronómico destacan a festa da troita de Ponte Caldelas, entre outras, e produtos como o pescado e os mariscos, os peixes de río, o viño e augardentes, a repostería e o pan e as conservas. Recoméndanse ademais restaurantes como o Eirado da Leña, Room, Casa Solla, Pepe vieira, Bagos ou La Ultramar e casas de turismo rural como A Avoa María, Casa Rural A Rega, Casa do Americano, Casa Rural Os Areeiros ou o Pazo Larache.

– Ruta 12. Viño e Lamprea.

o Comarca da Paradanta (Arbo, A Cañiza, Crecente e Covelo)

o Esta ruta permite coñecer a comarca a través do Centro de interpretación do viño e a lamprea de Arbo, da Casa Museo Diego de Giráldez na Cañiza, da Casa Museo Etnográfico Pazo da Cruz e Lugar da Cera en Covelo, así como de monumentos como as pesqueiras de Arbo, o aserradero dos Carranos ou rutas de Sendeirismo por Crecente.

o En relación á oferta gastronómica propón a festa da lamprea e da lamprea seca en Arbo e produtos como a propia lamprea, o xamón da Cañiza e os viños. Tamén a visita a adegas como Marqués de Vizhoja ou Laxas e establecmeentos como Casa Pazo en Arbo.

Anuncios