Sin categoría

A Mancomunidade encarga un estudo sobre a contaminación da Foz do Miñor

O Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse este mércores con representantes da Plataforma pola Protección da Foz do Miñor e co Catedrático do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía da Universidade de Vigo, Ricardo Beiras, para falar da realización dun estudo sobre o impacto da contaminación microbiolóxica no estuario da Foz do Miñor.

Este traballo pretende identificar e cuantificar o grao de contaminación dos ecosistemas mariños e fluviais, tanto da Foz como do río Miñor, e achegar as posibles solucións a este grave problema, que afecta, non só ao marisqueo na zona, actualmente declarada como zona C, senón tamén o valor engadido de protección e conservación que ten ao estar dentro da Rede Natura 2000.

Estes traballos de estudo serán promovidos e financiados pola Mancomunidade de Val Miñor, que xa foron iniciados a mediados do 2018.

Segundo indicou José Taboada, Presidente da Plataforma, “espero que todas as Administracións implicadas póñanse de acordo para levar adiante este estudo e poñer solución a este problema grave de contaminación, que afecta a este baluarte”.

Ferreira considera necesario e moi importante asumir a corresponsabilidade entre administracións e sanear o estuario da Foz do Miñor, “recuperando a zona ata que deixe de ser unha zona C, para volver facer da mesma unha zona apta para o marisqueo e garantir a óptima calidade das súas augas e acuíferos, así como a preservación das zonas de baño na desembocadura do río Miñor”.