Coa firma desta mañá do contrato co arquitecto Pablo Menéndez, en tres meses a Zona Franca dispoñerá de proxecto definitivo para a construción de novas naves de pequeno e mediano tamaño coas que dar resposta á crecente demanda das pemes para instalarse no parque empresarial Porto do Molle. Como explicou David Regades, a finais de maio convocarase o concurso dunha obra para os que os orzamentos da entidade reservaron 2.784.554 euros e coa que se dará maiores facilidades de instalación ás empresas que non poidan acometer un gran investimento para o inicio da súa actividade.
Estas construcións, que se comercializarán en réxime de aluguer, levantaranse sobre dúas parcelas situadas fronte ao Centro de Negocios. Cuns tamaños que oscilarán entre os 300 e os 500 m2 combinarán o espazo de naves e talleres co de oficinas. A proposta da firma MAM Architecture propón levantar un conxunto industrial cuxo deseño responde a criterios técnicos e funcionais composto por entre once e catorce naves máis seis talleres nunha contorna luminosa, optimista e atractiva o que achegará un valor engadido ás empresas usuarias.
Estas novas naves presentarán uns edificios de deseño innovador e afastado da estética da industria tradicional cun sistema flexible que permitirá combinar e conectar naves entre si, tanto no sentido lonxitudinal como no transversal en función das necesidades de espazo requiridas polas empresas.
Regades felicitou ao arquitecto polo seu proxecto que tamén contempla o obxectivo “Industry Zero Project” que pretende realizar as edificacións industriais con niveis mínimos de emisión de CO2.

