ABANCA e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Vigo-A Guarda veñen de asinar un novo convenio que reforza a súa colaboración e permite facilitar o acceso ao crédito aos profesionais do sector pesqueiro. Con esta alianza a entidade financeira e o grupo de acción local buscan impulsar o desenvolvemento da pesca, o marisqueo e a acuicultura do sur de Galicia.
O presidente do GALP Ría de Vigo-A Guarda, Juan Manuel Gregorio Vaqueiro, e a directora de zona de ABANCA en Morrazo-Redondela, Ángela Rodríguez Miguens, rubricaron hoxe na parroquia de Aldán un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co sector primario galego.
Este convenio pon o acento especialmente na reactivación económica por medio do crédito, unha peza básica para acadar a posta en marcha de novos proxectos e promover a mellora da competitiva dos actuais. Os profesionais pertencentes a esta entidade sen ánimo de lucro contarán con condicións melloradas na contratación de produtos de ABANCA como pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario, liñas de comercio exterior, confirming, avais ou liñas de desconto.
ABANCA tamén ofrecerá outros produtos a medida do sector, como a hipoteca naval para financiar buques e outro tipo de embarcacións vinculadas á actividade pesqueira, ou seguros personalizados para este colectivo. Do mesmo xeito, desde as oficinas de ABANCA facilitarase a información relativa ás opcións de financiamento a través de convenios oficias que a entidade mantén con ICO, Igape e as SGR galegas.
Grazas a este texto, os profesionais do sector pesqueiro poderán optar ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
O GALP Ría de Vigo-A Guarda naceu no ano 2008 co obxectivo de colaborar na gobernanza da súa zona de actuación, que abarca once municipios da costa pontevedresa (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda). O grupo participa activamente na construción da capacidade organizativa da zona pesqueira e serve de núcleo de converxencia e representación de entidades e axentes socioeconómicos con interese no desenvolvemento integral e equilibrado da área.
Compromiso cun sector clave para a economía
Esta alianza súmase aos acordos que ABANCA mantén con outros grupos de acción local do sector pesqueiro, ademais da maior parte das confrarías galegas e outras organizacións do sector. Recentemente a entidade financeira tamén acadou un importante acordo coa Confederación Española de Pesca (Cepesca), no marco da súa estratexia de apoio ao sector primario. Unha estratexia que se viu reforzada en 2016, cando o banco creou ABANCA Mar, unha división específica con produtos financeiros centrados no negocio da pesca e a conserva e que conta coa experiencia dun equipo de profesionais altamente cualificados.

