O piragüismo galego chora a perda do baionés Pablo Leyenda

FOTO: FRANCISCO JAVIER BLANCO // Pablo Leyenda.

O baionés Santiago Pablo Leyenda Vilar faleceu este martes. O piragüismo galego chora a súa perda, fervente seguidor deste deporte, que será lembrado polo seu sorriso e as súas boas palabras para todos os deportistas e representantes de clubs e federacións.

“Non era un padexeiro, nin un directivo, simplemente era un afeccionado á fotografía que nos trasladada todo o seu agarimo ao noso deporte a través das súas fotos. Pero era máis que iso, era unha persoa excepcional que trasladaba agarimo e amizade a todos os que dalgunha forma formamos parte do mundo do piragüismo”, destacan desde o C.M.D.C. Breogán do Grove.

“O seu sorriso, -continúan- a súa amabilidade, as súas palabras amables, as súas mensaxes de felicitación, os seus abrazos, as súas fotografías, o traballo que pasaba seleccionando as fotos e enviándoas persoalmente aos padexeiros, a súa pegada e o seu bo facer deixan un oco que nunca se encherá. A partir de agora, botaráseche en falta nas regatas, non poderemos contar coa túa cámara, pero o peor será non contar coa túa presenza, fóisenos un amigo”.

Na gala anual da Federación Galega de Piragüismo celebrada o 14 de xaneiro de 2017 foi homenaxeado polo seu incansable labor como fotógrafo en todas as competicións do calendario, ademais da difusión do seu traballo nas redes sociais, que posibilitaba a todos os afeccionados ao piragüismo a gozar das súas marabillosas fotos.

Desde a Federación expresan o seu máis sincero pésame á familia e amigos.