Nigrán substitúe as 146 luminarias do Barrio do Viso por unhas novas de tecnoloxía LED

O Concello de Nigrán vén de substituír as 146 luminarias antigas de vapor de sodio de todo o Barrio do Viso por unhas novas de tecnoloxía LED por importe de 6.400€. O troco permite reducir o consumo de 16,06 kWh a 4,38 kWh e multiplicar exponencialmente a súa vida útil, co conseguinte aforro económico ademais de mellorar a calidade da iluminación e reducir a contaminación lumínica concentrando a mesma nos viarios públicos.

Este cambio súmase aos realizados anteriormente no centro da Ramallosa (contorna de Manuel Lemos, Avda. Portugal e Torrente Ballester), Panxón, centro de Nigrán, Chandebrito, os barrios da Levada ou a Rotea en Camos ou toda a estrada PO-552 nas Avdas. Manuel Lemos e Rosalía de Castro… O obxectivo de todos estes trocos é mellorar a eficiencia enerxética e a calidade ambiental, xa que as luminarias de vapor de sodio ocasionan problemas ao ter sobrepasado o fin da súa vida útil, afectando ao seu rendemento, calidade e consumo e supoñendo isto un aumento das emisións de CO2. Neste sentido, o goberno de Nigrán considera prioritarias as substitucións nos núcleos urbanos con gran afluencia de peóns e circulación viaria.

«O cambio a LED supón un importante aforro enerxético e ofrece unha imaxe moderna no municipio», indica Juan González, alcalde de Nigrán. De feito, as substitucións permiten reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético e de mantemento neste eido, xa que unha lámpada de vapor de sodio ten unha vida media útil de 12.000 horas e unha de LED entre 50.000 e 100.000 horas.