O PSOE pide a retirada de Sánchez Dragó do cartel das conferencias da Festa da Arribada

A agrupación socialista de Baiona quere manifestar o seu máis absoluto rexeitamento á participación de Fernando Sánchez Dragó no ciclo de conferencias da Festa da Arribada que se vén de facer pública e esíxelle ao alcalde da vila, Ángel Rodal, que dea marcha atrás e retire o nome do polémico escritor de xeito inmediato.

«É absolutamente incrible e bochornoso que o alcalde teña escollido como cabeza de cartel do ciclo de conferencias a un individuo da catadura moral de Sánchez Dragó», manifestou o voceiro socialista, Carlos Gómez, quen esixiu a retirada da participación do escritor, un home que se vangloria publicamente de encontros sexuais con nenas de 13 anos, machista, xenófobo e homófobo, para evitar danar a imaxe de Baiona e da Festa da Arribada, que goza da declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.

«É inconcibible que poidamos dar cabida en Baiona a persoeiros deste calado, as veciñas e veciños da nosa vila non o merecen. A súa participación avergoñaríanos a todos como sociedade e mancharía a imaxe da vila e da festa», explicou Gómez, quen lembrou que Sánchez Dragó ten recoñecido publicamente a súa preferencia por manter relacións sexuais con menores de idade, o seu absoluto desprezo á democracia e ao conxunto das mulleres, ás que se ten dirixido con todo tipo de cualificativos desprezativos, facendo gala da súa homofobia e negando a violencia de xénero con afirmacións como que «este año ha habido en España menos mujeres etiquetadas (sic) como víctimas mortales de violencia de género (47) que niños asesinados por sus mamaítas“.

Afirmacións ás que se lle engaden moitas outras nas que pon en evidencia o seu absoluto desprezo polas mulleres en xeral ás que trata coma un obxecto, con afirmacións como «en mi boca, la palabra puta jamás es un insulto. A veces puede ser, incluso, un elogio», a súa defensa da prostitución e o seu desprezo aos movementos feministas «No conozco a una sola mujer feminista. Se sienten reprimidas», chegou a afirmar.

«A literatura non está por riba da consideración moral das persoas e non podemos dar cabida a unha persoa que nas súas palabras ofende, denigra e pisotea continuamente os dereitos e liberdades de calquera colectivo que conforma a sociedade», asegurou o voceiro municipal, quen lamentou que Rodal non consultara previamente a intención de contar con Sánchez Dragó para estes relatorios.

A escolla de Sánchez Dragó é aínda máis desafortunada se temos en conta todo o que a sociedade ten avanzado para rematar coas desigualdades do home e da muller. «Parece que a Rodal traizóalle o subconsciente e aínda pensa en Baiona en branco e negro».