Sin categoría

Nigrán abre ao tráfico a rúa Mariñeiro tras rematar as obras de humanización por valor de 282.000 €

O Concello de Nigrán abrirá este sábado ao tráfico a rúa Mariñeiro tras case catro meses de obras e un investimento de 282.000 € ao cargo do Plan Concellos 2017 co fin de realizar unha reforma integral da mesma. Así, o novo viario presenta xa un aspecto completamente renovado tras acometerse unha reparación do pavimento, mellorar as beirarrúas para que agora si cumpran con todas as leis de accesibilidade, solucionar definitivamente o problema de evacuación de pluviais e de saneamento, instalar novas luminarias LED e báculos e consolidar o tráfico rodado en dobre sentido e con máis prazas de estacionamento (auméntanse a 72). Todos estes traballos supoñen unha considerable mellora da seguridade viaria e da contorna nunha rúa crucial en Panxón porque conecta a transitada Estrada pola Vía (PO-325) coa praia e o porto.

“Os traballos retrasáronse a outubro para non coincidir coas aglomeracións do verán. Trátase do acceso principal á parroquia e ata agora estivo desatendido a pesares de ser a vía fundamental de entrada e saída. Con estas obras queremos consolidar definitivamente o dobre sentido en rúa Mariñeiro porque é o lóxico nunha rúa tan transitada. Ademais, soluciónanse definitivamente os problemas puntuais de verteduras por culpa da deficitaria rede de saneamento”, resume o alcalde, Juan González.

A rúa contaba con beirarrúas, pero estreitas e en mal estado e incumprindo con iso a normativa de accesibilidade, polo que se emendaron estas deficiencias aumentando de 1,50 a 1,80 o seu ancho e déuselle continuidade peonil cun novo pavimento a base de formigón puído coloreado en vermello. Ademais, mellorouse a instalación de evacuación de pluviais e renovouse o saneamento, xa que presentaban problemas de estancamento de augas os días de fortes precipitacións (a rede de saneamento fíxose separativa). Doutra banda, tamén se mellorou a contorna coa implantación de iluminación pública con luminarias LED que supoñen unha mellora na eficiencia e aforro enerxético, así como menor contaminación luminosa sen prexudicar a seguridade do viandante.