A Xunta autoriza as expropiacións para a mellora da PO-552 entre Nigrán e Baiona

O Consello da Xunta autorizou hoxe o proxecto de decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-552, entre a glorieta de conexión coa AG-57 e Sabarís, nos Concellos de Nigrán e Baiona, cun investimento autonómico de máis de 400.000 euros.

Esta intervención fai necesaria a expropiación de 10 predios, e destínase unha partida de preto de 18.000 euros ao pagamento dos terreos. Nas vindeiros días está prevista a licitación das obras por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Trátase dunha actuación que define a execución dos traballos de mellora da seguridade viaria e a eliminación dun treito cualificado como “punto negro” no tramo da estrada Vigo-Tui, comprendido entre os puntos quilométricos 10+740 e 13+440.

Este proxecto está redactado no marco da estratexia que está a desenvolver o departamento de Infraestruturas da Xunta para intentar reducir os tramos de concentración de accidentes da rede autonómica de estradas.

Os traballos previstos neste tramo consistirán na mellora de interseccións en que se produce unha maior parte dos accidentes neste tramo. Executaranse cambios de sentido e habilitaranse carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade, e reordenaranse os xiros naquelas interseccións que non teñen a visibilidade necesaria para garantir os xiros nas desexables condicións de seguridade.

Máis en concreto, executarase unha semiglorieta na intersección do punto quilométrico 10+740, para facilitar os cambios de sentido, e unha nova glorieta no punto quilométrico 11+150, que se corresponde coa rúa Rans, incorporada ao proxecto tras a información pública.

Tamén se mellorará a intersección existente no punto quilométrico 11+500 co camiño Carballal, coa execución dun carril central de espera e semiglorieta, e reordenarase a intersección coas rúas Cruceiro e Sarmiento, coa execución dun carril central de espera. A actuación inclúe a sinalización dun cambio de sentido na intersección coa rúa Manuel González Prado, a execución dunha nova glorieta na intersección coa rúa Valle Inclán e a reordenación da intersección coa rúa Romana.

Ademais, segundo o proxecto aprobado polo executivo autonómico, executaranse pequenos tramos de beirarrúas complementarios á mellora das interseccións, reforzarase a sinalización dos pasos de peóns do tramo para facilitar a súa percepción. E, finalmente, instalaranse balizas entre os puntos quilométricos 13+180 e 13+440, para evitar o estacionamento indebido en varios accesos situados na marxe esquerda na avenida Foz do Miñor, que reducen a súa visibilidade.

Cómpre resaltar que, dentro da estratexia que o departamento de Infraestruturas da Xunta está a desenvolver para intentar reducir a accidentalidade nos “puntos negros” da rede de estradas de titularidade autonómica, se prevén outras dúas actuacións na estrada PO-552, no tramo Vigo-Nigrán. Trátase de intervencións similares no contorno dos tramos de concentración de accidentes, unha entre a intersección coas estradas da Matamá e Muíños e á entrada de San Miguel de Oia, xa licitada no mes de decembro, e outra na zona das Rexas, cuxo proxecto se atopa en supervisión.

No marco do Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020, a Xunta de Galicia está a desenvolver unha estratexia para intentar reducir ata 2020 a accidentalidade dos treitos cualificados coma tramos de concentración de accidentes das estradas de titularidade autonómica. Para iso, está prevista a execución de aproximadamente 40 actuacións en 90 km, cun investimento que superará os 12 millóns de euros, no horizonte desta lexislatura.

Captura de pantalla completa 14022019 155529