Sin categoría

A Deputación pon en marcha a nova oficina virtual tributaria do ORAL

A Deputación de Pontevedra vén de poñer en marcha a nova oficina virtual tributaria do ORAL, o servizo provincial de recadación de tributos e ingresos, a través da que calquera persoa pode facer as súas tramitacións en liña, sempre e cando o seu concello teña delegada a súa xestión neste servizo provincial. “Damos un paso máis para situarnos na vangarda e como referente dunha Administración que aposta polas novas tecnoloxías e porque a relación entre administración e cidadanía sexa o máis doada e transparente posible”, sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, na presentación da nova oficina virtual tributaria, xunto a responsables do servizo. O acto tivo lugar hoxe nas oficinas do ORAL na cidade de Pontevedra.

Carmela Silva engadiu que cando chegou este Goberno provincial, “a relación entre Deputación e novas tecnoloxías era unha eiva importante e nós non deixamos de dar pasos adiante para ir avanzando e adaptándonos aos tempos que corren, nos que as persoas demandan cada vez máis servizos virtuais”. A presidenta amosouse moi satisfeita e orgullosa de que “con este Goberno chegou tamén a Administración electrónica á provincia de Pontevedra. Impulsamos unha nova web, moderna, accesible e transparente; deseñamos plans para dotar aos concellos das ferramentas máis avanzadas para facilitarlles o trato coa veciñanza; e agora impulsamos a oficina virtual do ORAL para facer máis doados os trámites”.

Á nova oficina virtual tributaria do ORAL pode accederse dende calquera sección da páxina Web da Deputación, http://www.depo.gal, xa que hai dispoñible un acceso directo na cabeceira da Web para poder velo facilmente. No novo espazo virtual, as usuarias e usuarios poden facer todos os trámites: pagar ou domiciliar recibos e liquidacións; presentar solicitudes, recursos e documentación; modificar datos fiscais; realizar autoliquidacións do imposto de vehículos; identificar á persoa condutora nunha sanción de tráfico; subscribirse a unha caixa de correo de notificacións electrónicas ou recibilas por correo e SMS; obter información de obxectos tributarios, expedientes ou embargos; e por último, obter duplicados de recibos. Con todo, a nova oficina virtual irá cambiando e modificándose a medida que se detectan novas necesidades, carencias ou que se vaian reclamando novos servizos, por parte dos concellos ou dos usuarios e usuarias. Ademais desta nova oficina virtual tributaria, as oficinas físicas do ORAL seguirán estando activas para as persoas que prefiran facer os trámites de xeito presencial.

A presidenta provincial aproveitou a presentación de hoxe para agradecer o traballo realizado por todo o persoal do ORAL “polos servizos que lle prestan á cidadanía na provincia de Pontevedra. Sería imposible que os concellos de menos de 20.000 habitantes puidesen xestionar un servizo tan importante sen as ganas e o empeño destas traballadoras e traballadores, aos que sen dúbida ningunha lles temos que poñer de nota matrícula de honor”. Así mesmo, Silva louvou o traballo realizado polo persoal do servizo provincial de novas tecnoloxías, “grazas ao que estamos transformando a provincia de Pontevedra e acercando as novas tecnoloxías á xente para mellorar os servizos que prestamos”.

O ORAL é o servizo da Deputación encargado de realizar a xestión, inspección e recadación de tributos e outros ingresos de dereito público dos concellos que delegan as súas competencias na institución provincial. Encárgase tamén dos trámites e xestións relacionados coa competencia sancionadora que lle sexa delegada, especialmente no relativo ás multas de tráfico. Os servizos que se ofrecen no ORAL abranguen a información ás persoas contribuíntes, tramitación de expedientes, emisión de documentación, tramitación de expedientes catastrais e asesoramento sobre recursos e comparecencias presentados no Catastro.

Ao ser un servizo centralizado, calquera persoa pode facer un trámite relativo a calquera concello da provincia en calquera das súas 14 oficinas: Pontevedra, Caldas, Cambados, Cangas, A Estrada, Lalín, Moaña, Nigrán, Ponteareas, O Porriño, Sanxenxo, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa. Disponse ademais de 9 puntos de atención que funcionan un ou dous días á semana en Arbo, Bueu, A Cañiza, Crecente, Covelo, As Neves, Ponte Caldelas, O Rosal e Tomiño.