Iria González Vasconcellos, unha científica baionesa que busca conseguir controlar o cancro

En decembro de 2015 a ONU proclamou o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia co obxectivo de rachar as barreiras que atopan as mulleres e as nenas no ámbito científico-tecnolóxico. Con esta mesma idea de visualizar o traballo científico das mulleres e de mostrar ás rapazas modelos nos que se poidan ver reflectidas nace o premio Muller Científica do IES Val Miñor.

Este premio enmárcase dentro das actividades, obradoiros e charlas que o IES Val Miñor ten programado ao longo do curso en favor dunha educación para a igualdade de oportunidades de ambos sexos e para que o alumnado tome conciencia dos condicionantes sociais e culturais que poidan determinar a súa elección vocacional. O centro educativo culmina a celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia coa entrega do premio Muller Científica IES Val Miñor.

A científica galardoada este ano é Iria González Vasconcellos. Natural de Baiona e formada nas aulas do IES Val Miñor, estudou Bioloxía na Universidade de Santiago e que actualmente desenvolve o seu labor investigador no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa do CSIC como integrante do Programa Estatal de Promoción do Talento e a súa Empregabilidade en I+D+I, máis coñecido como Programa Juan de la Cierva.

O seu labor investigador desde sempre estivo centrado na inestabilidade xenómica e dos telómeros, a radiación, e os procesos carcinoxenéticos.

Para Iria, este premio “é un recoñecemento en casa, aguantei as bágoas moitísimo durante todo o acto”. Tras un Master en Radiación e Oncoloxía en Londres e realizar a súa tese en Munich, lembra que volveu a España en 2012, “cando houbo esa gran fuga de cerebros eu tiven a sorte ou a carreira que me trouxo de volta”. A baionesa espera “seguir facendo ciencia, conseguir publicacións, axudando á humanidade a conseguir controlar o cancro e a ter o meu propio grupo de investigación pronto”.

Anuncios