Nigrán inicia as obras para empedrar a rúa Igrexa no núcleo de Chandebrito

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para empedrar mediante lastras a rúa Igrexa, situada no núcleo de Chandebrito e pavimentada ata agora en aglomerado asfáltico xa moi deteriorado. Os traballos, a cargo de Sitexca 2016 e cun orzamento de 60.350 € a cargo do Plan Concellos da Deputación, supoñerán non só unha mellora no mantemento e conservación do firme, senón unha posta en valor dos elementos patrimoniais e etnográficos deste núcleo de aldea tradicional único no municipio, repercutindo sen dúbida nunha gran mellora paisaxística.

«Trátase dun pavimento que si se adapta á contorna rural do centro de Chandebrito, onde a pedra é o elemento predominante nas edificacións e nos propios muros», sinala o alcalde, Juan González, quen defende a súa «promoción e preservación».

As obras, cunha duración aproximada de dous meses, consisten na retirada do aglomerado asfáltico actual ao longo dos 200 metros de rúa e da súa reposición por lastras de pedra de 13x13x10 cm. A maiores, e dentro doutro proxecto de 38.926 € de cambio do alumeado público de vapor de sodio na parroquia por LEDS, a rúa Igrexa será dotada desta nova iluminación co cableado soterrado e báculos de aceiro inoxidable (anteriormente xa se fixo nas zonas de Pracíns e Barreira). «Supoñen tamén un cambio de imaxe, xa que substituirán aos vellos postes de madeira e o cableado irá soterrado, tal e como se está a facer en tódalas obras novas», incide o rexedor.