Interveñen algo máis de 3.300 unidades de artificios pirotécnicos descatalogados en Baiona

Efectivos do equipo de inspección da Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra incautaron algo máis de 3.000 unidades de artificios pirotécnicos que se almacenaban nun establecemento de venda deste tipo de produtos en Baiona

Dentro dos labores específicos que teñen encomendadas as Intervencións de Armas da Garda Civil atópanse as inspeccións en establecementos de almacenamento e venda de artificios pirotécnicos, cuxo obxectivo é verificar a normativa que rexe o funcionamento destas instalacións, garantir a seguridade das mesmas, así como dos usuarios deste tipo de produtos.

Froito destas inspeccións, a Garda Civil localizou nun establecemento da localidade de Baiona, que aínda que estaba autorizado para a venda, tiña preto de 3.400 unidades deste material regulamentado, das clases I, II e III, caducadas e descatalogadas, que foron comisadas.

Entre o material incautado atopábanse 2.500 unidades das coñecidas “bombetas”, 730 “borrachitos” e 120 “voador silvador trono”.

O responsable deste establecemento foi denunciado por unha suposta infracción administrativa, recollida na Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá, en concordancia co R.D. 989/2015 do 30 de outubro polo que se aprobaba o Regulamento de Artigos Pirotécnicos e Cartuchería, por dispoñer para a venda artigos de pirotecnia atopándose os mesmos descatalogados e caducados.

O material intervido pola Garda Civil foi depositado nun lugar habilitado para tal fin, ata que se autorice a súa destrución.