CABE apoia a manifestación pola sanidade pública galega deste domingo

FOTO: CABE // Concentración en Gondomar por un Centro de Saúde digno.

Gondomar Concello Aberto apoia a manifestación pola sanidade pública galega que convoca a plataforma S.O.S. Sanidade Pública en Santiago de Compostela, co lema “Os recortes matan. Non ao negocio coa saúde”.

Esta convocatoria faise para esixir que se recuperen os recortes de persoal sanitario, camas e orzamentos; acabar coa marxinación da Atención Primaria e coas estruturas organizativas de xestión integrada; recuperar as Áreas Sanitarias e os Hospitais Comarcais; dotar adecuadamente aos PAC e aos Servizos de Urxencias Hospitalarios; acabar coa precariedade laboral e recuperar todos os servizos e centros privatizados.

“Cómpre lembrar que o noso concello vese afectado por estes recortes xa que se está a construír un novo Centro de Saúde que non cubrirá as necesidades e servizos que demanda Gondomar nin terá capacidade para atender a toda a súa poboación. O proxecto actual reduce tanto a cantidade de persoal destinado ao centro como a superficie do mesmo que se contemplaban no proxecto inicial, conseguindo que sexa insuficiente desde que nace”, sinalan desde CABE.

Polo que representantes da formación acudirán á manifestación convocada o día 10 de febreiro ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela.