Anova volverá apoiar as candidaturas unitarias de CABE e Nigrán Decide

Anova-Irmandade Nacionalista do Val Miñor, tras a xuntanza de afiliadas e afiliados celebrada o día 5 de febreiro, acordou por unanimidade apoiar as candidaturas unitarias ou plataformas de Unidade Popular, para as vindeiras eleccións municipais de maio.

“Tras a experiencia actual de participación e apoio ás candidaturas de Nigrán Decide e Gondomar Concello Aberto (CABE) e baixo o traballo político de participación e dignidade a prol de candidaturas de unidade popular, volvemos apostar pola unidade da esquerda”, sinala Carlos Vidal, responsable de Anova no Val Miñor.

“Po iso apostamos de novo por apoiar e participar na plataforma unitaria da esquerda en Gondomar: CABE, xunto con Esquerda Unida, Podemos e persoas independentes. Así mesmo en Nigrán Decide en Nigrán e tamén procuraremos constituír a mesma experiencia en Baiona”, engade Vidal.

Anova fai un chamamento a todas as forzas políticas e persoas independentes que se consideren situadas na esquerda política ou social ou compartan os valores da esquerda como o feminismo, o ecoloxismo, a igualdade e a participación como praxe política para que responsablemente compartan con eles neste espazo de unidade a acción política nas vindeiras eleccións municipais.

Anuncios