A Deputación financiará o reacondicionamento do paseo fluvial de Baíña con 42.000 €

O deputado de Cooperación Carlos Font informou hoxe da aprobación, mediante unha resolución presidencial, dun novo investimento a Baiona ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra por un total de 42.130,84 euros. Trátase dunha axuda que se destinará ao proxecto de acondicionamento do paseo fluvial sobre o río Baíña. Este ano o goberno de Carmela Silva pon a disposición de Baiona a través do Plan Concellos 2019 un total de 951.515,33 euros, o que supón un 3,23% máis que no exercicio anterior.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 661.257,28 euros, o concello de Baiona tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 84.174,83 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 206.083,22 euros da Liña 3 de emprego cos que o concello pode financiar a contratación de 21 traballadores e traballadoras para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3% máis que no exercicio do 2018.