190 estudantes do Val Miñor realizan as probas da ABAU en Baiona

A alerta sanitaria provocada pola covid-19 interrompeu de forma abrupta as clases o pasado mes de marzo. Agora, case catro meses despois, o rebulir universitario volveu aos campus da man do alumnado que este martes iniciou a realización das probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade, ABAU. Fíxoo nos campus pero tamén espallados por múltiples pavillóns municipais e institutos de ensino secundario de toda Galicia, cumprindo estritas normas de seguridade sanitaria, gardando as distancias, coas orellas descubertas e desprovistos de todo tipo de tecnoloxía… cun intenso día de calor e con máis nervios que nunca, dado o tempo que levan sen facer un exame por escrito, pero mantendo intacta a súa ilusión por iniciar a vida universitaria. É a edición máis atípica dunhas probas que baten récord de participación con 14.555 estudantes matriculados en toda Galicia, un 27.6% máis que o ano pasado, dos cales 6340 se examinan ata o este xoves nas diferentes comisións delegadas da UVigo.

En Vigo e comarca examináronse máis de 3300 alumnos e alumnas

En Vigo e nos concellos da súa contorna examináronse máis de 3300 alumnos e alumnas. Por primeira vez houbo exames en lugares tan atípicos para realizar estas probas como no pavillón universitario do campus, no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ou no comedor da Facultade de Filoloxía e Tradución. En total nas diferentes instalacións do campus examináronse 1422 rapaces e rapazas, 434 na comisión delegada da EU de Estudos Empresariais de Torrecedeira (con exames en Empresariais e na Escola de Enxeñería Industrial) e 988 no propio campus (418 na FFT, 308 na Facultade de CC Económicas e Empresariais e 262 no pavillón universitario).

Sen ningún tipo de aglomeración no momento de entrar ás aulas, todo transcorreu a primeira hora da mañá con total normalidade. “O mellor é que por fin chegou o momento”, explicaba Maria Diley, alumna do IES Alexandre Bóveda intres antes de iniciar o seu exame no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. “Penso que todos estamos moi nerviosos e desexando xa que pase e que, por fin, comece tamén para nós o verán”, admitía a alumna, que espera acadar a nota suficiente para estudar Enfermaría no Meixoeiro. “Estes últimos meses foron moi agoniantes, sobre todo ao principio, pero, unha vez organizados, as cousas foron mellor”, explicou tentando relaxarse antes de realizar o primeiro exame.

Malena Sousa e Natalia Miquel, estudantes do Apóstol Santiago, tamén teñen claro o que queren estudar o vindeiro curso, Dereito e Bioloxía, respectivamente. Agora quédanlles por diante tres días para conseguir a nota precisa para entrar nas carreiras desexadas. Tras facer o primeiro exame, o de Historia de España, recoñecían estar máis tranquilas. “Estamos contentas co que entrou e xa sacamos de enriba unha das materias con máis contido” explicaban, ao tempo que recoñecían que, tras o primeiro exame, rómpese unha barreira invisible que lles permite afrontar o resto da xornada dun xeito máis relaxado. Pare elas, este curso tan atípico foi complexo e, aínda que consideran que tiveron “moita sorte” coa docencia en liña e a implicación dos seus profesores, “preparar un trimestre enteiro na casa, sobre todo as partes prácticas, foi complicado”.

Tamén en Vigo, pero xa fóra do campus, 555 estudantes procedentes de sete institutos da cidade examináronse no pavillón das Travesas e outros 1300 alumnos e alumnas examináronse en seis comisións delegadas espalladas por diferentes concellos da comarca: CEIP de Cova Terreña de Baiona (190 estudantes procedentes deste municipio xunto con Nigrán e Gondomar); IES de Rodeira (276 estudantes procedente de Cangas e Moaña); IES Val do Tea de Ponteareas, (251 alumnos procedentes deste concello, Salvaterra de Miño, A Cañiza e As Neves); IES Pino Manso (214 mozos e mozas de Porriño e Mos); IES Mendiño (186 de Redondela e Soutomaior), e IES Indalecio Pérez Tizón (237 mozos e mozas de Tui, A Guarda e Tomiño).