O Transporte Metropolitano de Vigo bonificou 10,5 millóns de viaxes desde a súa posta en marcha

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, fixo balance onte da implantación do Plan de Transporte Metropolitano na área de Vigo, con preto de 10,5 millóns de viaxes bonificadas desde a súa posta en marcha no 2015. Máis de 3 millóns de desprazamentos atendendo unicamente aos datos correspondentes ao 2018, cun incremento do 6,5 por cento respecto ao exercicio anterior.

En canto a modalidade de transporte, destacou que o 40 por cento dos desprazamentos seguen a corresponder cas navieiras e o 60 por cento co autobús.

Respecto o número de tarxetas de Transporte Metropolitano expedidas, os concellos de Vigo, Cangas, Moaña, Redondela, Nigrán e Baiona son os que rexistraron o maior volume, segundo os datos aportados polo representante autonómico, quen exemplificou nesta crecente distribución a boa acollida do plan. Así o demostran, dixo, as 16.357 novas tarxetas emitidas en Vigo, seguidas das 11.497 de Cangas.

Tarxeta Xente Nova

Os datos rexistrados polo departamento de Mobilidade da Xunta recollen ademais que na área de Vigo se bonificaron máis de 250.000 desprazamentos coa tarxeta Xente Nova e que hai 12.418 dispositivos activos.

Cómpre lembrar que os bos datos de usuarios e viaxes do programa Xente Nova, activado pola Xunta no verán do 2016, supón o afianzamento da implantación desta nova tarifa que vai dirixida ás persoas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos, incluídos, -tendo en conta que os menores de 4 anos xa viaxan de balde nos autobuses metropolitanos-, que será de cero euros nas viaxes de carácter interurbano realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.

O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.

“Un éxito sen paliativos”, apuntou o representante autonómico, para indicar que o sistema funciona así en todas as áreas, agás en Vigo onde o bus urbano non está integrado. Así, López-Chaves puxo como exemplo a un mozo desta cidade que, coa tarxeta Xente Nova, pode ir gratis desde Vigo ata Nigrán, ida e volta, pero ten que pagar o bus urbano para ir ou chegar ata a súa casa. “Este mesmo rapaz, co citado dispositivo, se vai de Brión á estación de autobuses de Santiago e desde alí colle un urbano ata a Cidade da Cultura, e todas as viaxes son gratis”, sinalou, para insistir en que neste último caso os desprazamentos están bonificados pola Xunta e polos respectivos concellos.

Neste senso, recordou que o Plan de Transporte Metropolitano botaba a andar na área de Vigo o 27 de abril do 2015 cos 12 concellos que naquel entón subscribiron o convenio coa Xunta. Xunto a Vigo, tamén decidiu excluírse por vontade propia Gondomar, votando o actual alcalde ata en dúas ocasións en contra da adhesión no pleno municipal. Preguntado concretamente por esta cuestión, López-Chaves apuntou que se abordará a súa integración cos mesmos criterios cos que os dos 25 municipios que a teñen solicitada, entre eles varios do sur de Galicia como é o caso de Ponteareas.

Plan social de transporte

O Plan de Transporte Metropolitano é un programa social impulsado pola Xunta que persegue fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito importante, á economía das familias.

Coa posta en marcha do Plan a comunidade galega dotouse dun sistema de transporte no que os galegos ademais de obter importantes bonificacións no prezo do billete, tamén poden dispor das vantaxes que lles ofrece un sistema de transporte público eficiente que permite a liberación de espazo físico no centro das cidades; reduce a contaminación; e contribúe á desconxestionar e a unha maior fluidez nos tráficos.

Este plan, que mediante o uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano permite descontos medios do 50% nas viaxes interurbanas, achegando a Xunta de Galicia o 80% do financiamento desas bonificacións no prezo do billete e o conxunto dos concellos o 20% restante. A administración autonómica custea tamén as bonificacións adicionais do 15% que se aplican a usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, así como os descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.

Especialmente atractiva para os cidadáns é a medida posta en marcha pola Xunta en agosto de 2016: a tarxeta Xente Nova, coa que o transporte interurbano metropolitano é gratis para os menores de 19 anos.

Anuncios