A Audiencia da Coruña inicia a execución da sentenza do Prestige

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña iniciou a execución da sentenza do Prestige tras recibir tanto o fallo como un auto de aclaración do Tribunal Supremo. A sala, co maxistrado Alejandro Morán Llordén como relator, dá un prazo de vinte días ás partes para que cumpran de maneira voluntaria a sentenza, tal e como establece o artigo 548 da Lei de Axuizamento Civil. Así, na providencia notificada hoxe, requírese ao capitán do buque para que pague “voluntariamente o principal da súa responsabilidade civil máis un 30% adicional do cálculo prudencial de intereses e costas”. Ante a “previsible insuficiencia de bens do responsable principal”, o tribunal realiza o mesmo requirimento á propietaria do barco, Mare Shipping, como responsable civil subsidiaria.

A providencia para executar o fallo tamén foi notificada á aseguradora The London Owners Mutual Insuranse Association para que pague voluntariamente “ata o límite da póliza subscrita”, así como ao Fondo Internacional de Indemnización de Danos Debidos a Contaminación por Hidrocarburos para que no mesmo prazo de vinte días abone “a cantidade correspondente aos límites establecidos no convenio que o regula, descontadas as sumas xa pagas”.

Contra a resolución da Audiencia Provincial da Coruña cabe interpoñer recurso de súplica no prazo de tres días.

Anuncios