Previndo a violencia de xénero no CPI Arquitecto Palacios de Panxón

Medio centenar de alumnos e alumnas de 2º, 3º e 4º de ESO do CPI Arquitecto Palacios de Panxón asistiron este luns pola tarde a unha charla informativa sobre violencia de xénero, impartida por dous efectivos da Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán. Un dos axentes, José Ángel Fernández Fontenla, destacou que o obxectivo principal da charla é que saiban identificar cando se produce violencia de xénero, “xa que os mozos téñeno un pouco difuminado, identifícano sempre como agresión física ou sexual, pero hai outras situacións como o control”.

Con esta iniciativa preténdese previr condutas sexistas e proclives á violencia contra a muller, no marco do “Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas”, que ten como obxectivo axudar a previr os problemas de seguridade e de convivencia que poden afectar á poboación máis nova: acoso escolar; drogas e alcol; bandas violentas, racismo e intolerancia; violencia sobre a muller e discriminación; Internet e redes sociais.

O plan ofrece diferentes actuacións á comunidade educativa: reunións con expertos policiais, charlas co profesorado e as ANPAS, charlas co alumnado sobre problemas de seguridade e acceso permanente a un experto policial ao que consultar calquera problema relacionado coa seguridade ou convivencia e mellora da vixilancia da contorna escolar. A iniciativa tamén serve para achegar á Garda Civil á poboación, e que os escolares teñan un contacto máis directo con eles.

O mércores, 6 de febreiro, repetirase a charla, esta vez dirixida a alumnos e alumnas do centro de 6º de Primaria e 1º de ESO.