O IES Primeiro de Marzo leva máis dun ano advertindo do mal estado da cuberta

O pasado venres unha parte da cuberta do IES Primeiro de Marzo de Baiona desprendeuse por causa do forte vento e os alumnos e alumnas tiveron que abandonar as instalacións de un en un e escoltados por efectivos da Policía Local de Baiona, a Garda Civil e o GES Val Miñor para evitar incidentes por risco de máis desprendementos.

Unha vez que confirmaron coa Dirección do Instituto que non houbera danos ás persoas e, coa lóxica preocupación, a ANPA interesouse polos feitos acontecidos co obxectivo de que o luns seguinte os alumnos e alumnas puidesen asistir ao centro sen risco algún para a súa saúde garantindo o funcionamento normal das clases.

O luns mantiveron unha reunión coa Dirección do Centro e comunicóuselles que existen notificacións, dende fai máis dun ano, á Consellería de Educación, alertando do deplorable estado da cuberta do centro co grave risco que isto leva para os alumnos e alumnas e solicitando o seu arranxo achegando incluso un orzamento para a realización das obras. Comentáronlles tamén que poñen en coñecemento ao Alcalde do Concello de Baiona desta problemática.

“Todo isto era descoñecido para nós, xa que, ata hoxe, ninguén nos comunicara nada. Asistimos contrariados e contrariadas que só se estean a realizar obras de reacondicionamento dos pedazos de chapa que se desprenderon e dos que, sen desprenderse totalmente, quedaron danados”, aseguran desde a ANPA.

“Por iso, e ante esta gravísima irresponsabilidade da Consellería de Educación coa complicidade do Concello de Baiona, a Dirección da ANPA Balcaxia 1º de Marzo esiximos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que acondicione de inmediato a cuberta do centro IES Primeiro de Marzo de Baiona ante o serio risco para a saúde dos alumnos e alumnas”, conclúen.

Anuncios