UCN acusa o alcalde de “vender fume” co futuro convenio con Baisenpulgas

O portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia o paripé do alcalde Juan González, que pretende montar levando á confusión dos veciños co futuro convenio a realizar coa asociación protectora de animais Baisenpulgas, para a posible recollida de animais domésticos, gatos e cans, no municipio, e abandonados na vía pública, asunto sometido á toma en consideración no pasado pleno de xaneiro, “pero sen que presentase expediente algún co texto do convenio para formalizar e debidamente informado polos técnicos municipais, polo que realmente o que someteu ao pleno non foi a aprobación do convenio -como pretende facer ver- senón unicamente vender fume e crear falsas expectativas e confundir aos veciños”.

UCN xustifica o seu voto en contra no pleno porque non se trataba de aprobar unha proposta de convenio -que non existía- nin levar a cabo a correspondente modificación orzamentaria para dar encaixe á cantidade de 5.000€ que pretende abonar á protectora, senón que era unha simple declaración de intencións, pero carente de todo rigor, e unha burla e tomadura de pelo á Corporación, “coa única finalidade de querer quedar ben e atrasar así a posible aprobación do convenio ata despois das eleccións municipais, sacando da chistera esta nova modalidade de toma en consideración, para acalar as posibles críticas por promesas incumpridas, ao que o partido independente non está disposto a entrar nese xogo e soamente posicionarase cando exista unha proposta clara e un expediente debidamente tramitado, axustado a dereito, mesmo coa posible modificación das bases de execución do orzamento, de ser necesario”.

Fernández Comesaña tamén aclarou no pasado pleno, que antes de acometer novos e maiores gastos, o alcalde Juan González debe cumprir e pagar os “pufos” contraídos por subministracións, traballos diversos, actuacións de bandas e grupos musicais, así como subvencións encubertas, realizadas sen control de ningún tipo e saltándose todos os controis internos de fiscalización do gasto -burlando unha vez máis a lei-, e cuxo importe supera os 350.000€, -cifra que segue crecendo-, e que os provedores levan máis de seis meses esperando para cobrar, “sen que o alcalde preocúpese en resolver o problema que xerou e ocultando información á oposición ao achantar as facturas no caixón, pretendendo quizais endosarlle o morto á próxima Corporación, nun claro exercicio máis de irresponsabilidade, o que non imos permitir baixo ningún concepto”, conclúe o portavoz independente.