O equipo de Show do CPA Gondomar revalida o título de campioas galegas

Este sábado celebrouse o XVIII Campionato Galego de Grupos Show Grandes e Pequenos en Vigo, e novamente como non podía ser doutra maneira proclamouse campión de grupos pequenos o Club de Patinaxe Artística de Gondomar, demostrando a súa gran forza, disciplina e gran dificultade co seu programa «Saint Mary», co que brillaron e rodaron ata o podio revalidando o seu título de campioas galegas.

Esta vitoria máis que merecida para o grupo gondomareño, que adestra practicamente a diario de maneira incansable, converteunas nas triunfadoras da tarde, con puntuacións que non baixaron do 9, superando incluso as puntuacións dos grupos grandes.

No campionato, que daba comezo ás 17:30 horas e finalizaba ás 21:30 coa entrega de premios, participaron 9 grupos pequenos e 8 grandes. Non faltou á cita o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen as animou desde o inicio da competición, así como o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, que se desprazou ata a cidade olívica para apoiar ao equipo e gozar do evento.

Centos de persoas acudiron ao pavillón central de As Travesas. As bancadas con máximo aforamento puideron gozar do gran evento en xeral e en particular de “Saint Mary Psychiatric Hospital”, do CPA Gondomar. Encerrada e custodiada, sometida mediante pastillas, cadeas e grilletes, escenificouse sobre rodas con elementos sorprendentes como aterradores.

O seu adestrador, David Figueroa, é o gran artífice deste show que deixou anonadado ao público coa arrepiante escena, terror, velocidade, sincronización, técnica de primeiro nivel na patinaxe artística sobre rodas e todo froito do seu gran traballo continuo escenificado polas súas tenaces patinadoras, que se viron recompensadas co trofeo e medalla de ouro, o cal puideron elevar con gran satisfacción polo gran traballo realizado.

O grupo sen descanso seguirá adestrando duramente para o Campionato de España, que nesta ocasión disputarase en Guadalaxara o venres 8 de marzo, cando se celebrarán as probas dos equipos show grandes, e o sábado 9, cos equipos show pequenos. En horario de mañá, en ambas as dúas xornadas, levaranse a cabo os adestramentos oficiais, e as competicións celebraranse en horario de tarde.

Ese campionato é previo ao campionato europeo e ao mundial, de aí a importancia do mesmo, xa que desta cita guadalaxareña sairán os grupos que se enfrontarán na proba europea e no mundial que se celebrará en xullo, en Barcelona, coincidindo cos World Roller Games, evento deportivo que recolle todas as disciplinas da patinaxe.

Anuncios