Nigrán comeza a eliminar os postes de baixa tensión da rúa San Roque en Camos

O Concello de Nigrán emprendeu esta semana as obras para eliminar definitivamente os postes que invaden aleatoriamente a calzada e beirarrúas da rúa San Roque (Camos) coa conseguinte mellora da seguridade viaria e da accesibilidade para peóns e condutores. Así, o goberno local resolverá entre o mes de febreiro e marzo esta débeda histórica coa parroquia e reiterada dende hai unha década pola Asociación de Veciños “A Camoesa”. Con anterioridade, e a instancias deste goberno local, Telefónica soterrou o seu tendido.

A obra, a cargo de Félix y Viñas SLU e cun investimento total de 145.000 euros, foi contratada polo goberno local no 2017, iniciándose a final dese ano a canalización do cableado. «Sen embargo, foi nese momento cando se detectaron graves deficiencias na humanización da segunda fase da rúa en 2013 (da zona de Balinfra cara o Torreiro), circunstancia que retrasou máis do previsto e desexable a eliminación definitiva dos postes que, finalmente, está levando adiante Fenosa a instancias do Concello», explica o edil de Urbanismo, Diego García.

«Era unha demanda fundamental dos veciños, xa que os postes dificultan a circulación segura dos vehículos e tamén a dos peóns; non se entende que a rúa permanecese así durante tantos anos”, engade Juan González, alcalde de Nigrán. Así, a eliminación destes obstáculos supón para o Concello de Nigrán un paso máis na súa política de accesibilidade. “O noso compromiso non se vai a quedar aquí e realizaremos máis obras nesta liña”, garante González.