UCN denuncia que hai facturas sen pagar no caixón por máis de 350.000 €

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández, denuncia que o goberno local ten facturas “achantadas” no caixón e pendentes de pago por importe superior aos 350.000€, e que se corresponden con diversas subministracións, obras e servizos realizados, subvencións encubertas de diverso tipo, así como actuacións de bandas e grupos musicais, gastos comprometidos durante o pasado exercicio e que non dispoñen de consignación orzamentaria, polo que terá que ser o pleno quen aprobe un recoñecemento extraxudicial de crédito para que os acredores poidan finalmente cobrar, “e que novamente veremos ao alcalde Juan González culpabilizar á oposición ante os provedores -como fixo recentemente-, a pesar que moitos levan máis de seis meses esperando para cobrar, e que nin tan sequera tramitou aínda o correspondente expediente para sometelo ao pleno, nun exercicio máis de irresponsabilidade que xa nos ten afeitos”.

UCN advirte que todos estes gastos foron realizados sen control de ningún tipo, sen os correspondentes expedientes e saltándose todos os controis internos de fiscalización do gasto, burlando unha vez máis a lei, polo que agora os provedores ven outra vez abocados a unha longa espera e talvez moi incerta, “cuxo único responsable é o alcalde Juan González, por moito que se empeñe en querer disimulalo. É moi fácil dicir a todo o mundo que si, pero no exercicio da responsabilidade tamén está saber dicir que non, porque non pode comprometerse alegremente en gastos que sabe non pode pagar, ademais cun goberno en minoría o que lle obriga a ser máis prudente”.

UCN lembra que por este procedemento –que a lei contempla de carácter excepcional- o actual goberno local levou durante a presente lexislatura varios expedientes ao pleno e cuxo importe total supera a cifra de 1.200.000€, “polo que está a converter en normal o que é algo moi excepcional, ignorando mesmo, as múltiples advertencias que veñen realizando os grupos municipais, pero que o alcalde parece ignorar e non importarlle, pensando que a oposición tragará finalmente coa súa política de feitos consumados e que sempre quedará o recurso de presentarnos ante os provedores como os culpables de que non cobren, pero xa non coa, porque saben que non é verdade”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios