Presentación en Baiona do libro «Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo»

A Casa do Reloxo de Baiona (Rúa do Reloxo, 5) acollerá este xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, a cuarta parada da xira de presentación do libro colectivo “Oito olladas sobre a folga do 8 de marzo”, obra publicada pola Editorial Galaxia froito da iniciativa da Deputación de Pontevedra. O libro, que partiu da escritora Inma López Silva e na que participaron oito mulleres que traballan en distintos ámbitos, recompila os seus testemuños e experiencias durante a folga que tivo lugar o ano pasado con motivo do Día Internacional da Muller e que se converteu nun símbolo na historia do movemento feminista. A afluencia ao acto será libre ata completar aforamento.

O libro partiu das ideas da escritora Inma López Silva, quen contactou con mulleres que traballan en distintos ámbitos para plasmar a súa visión sobre a xornada do 8 de marzo. Así, na obra recóllense testemuños dunha empresaria, unha profesora e fotógrafa, unha funcionaria, unha xuíza, unha matrona, unha escritora, unha estudante e unha xornalista. Todas elas mostran vivencias moi similares, case idénticas, e relatan con sinceridade a experiencia de ser muller nunha sociedade machista.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, participará no acto de presentación na Casa do Reloxo xunto ao director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, a coordinadora do libro, Inma López Silva, e algunhas das autoras do mesmo.