Alberto Meira presenta o seu novo coche para esta tempada

Esta próxima fin de semana, o recinto feiral IFEVI de Vigo, acollerá a décimo terceira edición de Galiexpo, Salón multidisciplinar dedicado ao automóbil e a motocicleta. E dentro deste evento, Alberto Meira será un dos protagonistas ao presentar a que será a súa nova máquina para a presente tempada. A cita será o venres 1 de febreiro ás 12:30 horas.

O bicampión galego de rallies quere este ano facerse coa súa terceira coroa, polo que cambiou o seu popular Mitsubishi Lancer, para facerse cun vehículo da categoría R5, con características máis parellas respecto aos coches empregados polos seus rivais nestas últimas tempadas.

O Citroën DS3 R5 conta con tracción total, motor 1.600 turbo e unha potencia que rolda os 280 CV. Unha das súas principais vantaxes, respecto ao anterior coche de Meira, é unha maior lixeireza e eficacia na freada e paso por curva. A adaptación a este tipo de coche será crucial para a loita por un campionato cuxo primeiro envite será o Rali da Coruña, previsto para os próximos 1 e 2 de marzo.