O Pazo Pías acolleu en 2018 a 7.500 viaxeiros de 63 estados ligados ao Camiño Portugués pola Costa

FOTO: PAZO PÍAS // Un grupo de peregrinos no Pazo Pías.

O economista investigador doutorando Ángel Alonso, dirixido pola doutora en economía Carmen Padín e coa colaboración de Manuel Álvarez, está a realizar na Universidade de Vigo un estudo en profundidade do Camiño Portugués pola Costa, nesta ocasión sobre os albergues e o Pazo Pías, situado na Ramallosa, en Nigrán. “Nese albergue conviven peregrinos e turistas non peregrinos, pero a vinculación do pazo ao Xacobeo é indubidable”, sinala Alonso.

O Pazo Pías é un dos albergues sinalados pola Xunta como albergue de peregrinos Xacobeos no Camiño de Santiago, situado na ruta do Camiño Portugués pola Costa. Segundo os datos achegados pola xerencia do Pazo Pías, a cifra total de aloxados alcanzou os 7.476 no ano 2018. “Pertencen a 63 estados diferentes, o que vén ser unha gran variedade. Aínda que todos os aloxamentos non son para peregrinos, si se pode dicir que afecta o funcionamento do Pazo”, recolle o estudo.

Aínda que a española segue sendo a nacionalidade maioritaria, esta xa vén representar algo menos da metade (3.274 aloxados, é dicir, o 43,79%). Outros 10 países, ademais do estado español, superan os 100 viaxeiros este último ano. Son Canadá (181), Polonia (353), Reino Unido (122), República Checa (134), Holanda (158), Estados Unidos (191), Alemaña (538), Italia (755), Portugal (696) e Francia (181).

Anuncios