Unha ducia de gondomareños reclaman máis de 30.000 € ao Banco Pastor

O ano pasado recolleuse unha primeira quenda de 34 reclamacións durante as charlas que convocara o Concello de Gondomar, a través da Concellería de Comercio que dirixía Xosé Antón Araúxo. Dende esa data, unha ducia de gondomareños, cinco deles na última semana, téñense adherido ás iniciativas xudiciais da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, para reclamar máis de 30.000€ ao Banco Pastor.

«Os afectados pola compra de produtos bancarios tóxicos consideran que foron enganados con informacións falsas sobre a solvencia do banco, por tanto foron vítimas de información errónea ou irregular que afectou negativamente aos seus intereses como consumidores. De ter recibido información certa non terían investido os seus aforros, xa que por si mesmos non tiñan medios de saber cal é a situación de contabilidade real, sendo uns pequenos investidores sen coñecementos financeiros», asegura o concelleiro de Manifesto Miñor.

Segundo o avogado Xoán Antón Pérez Lema, de ACOUGA, o folleto informativo da ampliación «contiña inexactitudes e erros contables”. Esta ducia de afectados únese agora aos outros 34 gondomareños qua xa fixeran a súa reclamación hai un ano, dos que xa existen dúas sentenzas nos xulgados de primeira instancia de Vigo, que permitirán que recuperen o diñeiro investido na compra de accións de Banco Pastor antes da bancarrota e absorción por parte de Santander en 2017.

Nos xuízos anteriores condenouse á entidade polos abusos cometidos por ofrecer datos falsos ao comercializar os seus produtos. Todo/a aquel/a que aínda teña destes productos no seu haber e queira unha solución para a recuperación dos cartos pode poñerse en contacto con Manifesto Miñor», conclúe Araúxo.

Anuncios