CABE decide en asemblea volver presentarse ás eleccións municipais

Gondomar Concello Aberto celebrou este sábado unha asemblea de rendición de contas coa veciñanza, na que se falou da súa actividade nestes anos de lexislatura. Comezando polas iniciativas nos seis meses nos que participaron no goberno municipal, como a posta en marcha do plan de compostaxe, a revisión das taxas ou a consecución dos fondos para a beirarrúa entre Gondomar e a Ramallosa, entre outras.

“En ningún momento pensamos que a entrada no goberno fose un fin en si mesmo, senón unha ferramenta para mudar o xeito de facer política e transformar a realidade. En poucos meses decatámonos de que os nosos socios de goberno non ían respectar os puntos básicos do acordo que asináramos nos puntos que nós considerábamos primordiais: a coordinación, a transparencia e a participación democrática da veciñanza de Gondomar”, recordan desde CABE.

“Propuxemos a PSOE e MM algunha medida para corrixilo, pero non quixeron atender á nosa demanda e a descoordinación agravouse, con inxerencias continuas e boicots nas nosas áreas de actuación, o que facía imposible facer a política pola que apostaron os votantes de CABE. Vendo como evolucionou o goberno bipartito dende aquela, estamos convencidas de que o tempo nos deu a razón”, engaden.

Logo da marcha do goberno, a súa actividade non se reduciu e actuaron como oposición ao goberno coa presentación dun gran número de mocións, a maioría das cales foron aprobadas por unanimidade pero incumpridas, aínda que isto vincula ao goberno legalmente, como sucedeu co saneamento do barrio da Pedra. Tamén levaron a cabo campañas coma a demanda dun Centro de Saúde sen recortes de persoal e infraestruturas ou a petición dun parque de bombeiros no Val Miñor, en colaboración con outras forzas de esquerdas, como Nigrán Decide e EU-Son Baiona.

Para rematar, a asemblea de CABE decidiu presentarse ás eleccións municipais de 2019 e convocar eleccións primarias abertas no mes de marzo para elaborar a candidatura, como se fixo en 2015.

Anuncios