O Monte Real será protagonista dun especial sobre vela do Convivir Deportivo da Radio Galega

O Monte Real Club de Yates será protagonista, o vindeiro martes 29 de xaneiro, dunha nova edición do Convivir Deportivo da Radio Galega, dirixido e presentado por Alfonso Pardo, un dos históricos da radio en Galicia.

As instalacións do club acollerán a gravación de dous programas especiais que abordarán distintas cuestións relacionadas co deporte da vela, o turismo náutico, a historia e actualidade do Monte Real, ou a vela adaptada para persoas con discapacidade, entre outros asuntos.

ESPECIAL MONTE REAL CLUB DE YATES

Na primeira parte do programa, que se poderá ver en directo no Salón Praia Ribeira do club de 11:30 a 12:30 (o acceso é libre e gratuíto ata completar o aforamento), participarán o presidente e vicepresidente do Monte Real, José Luis Álvarez e Alejandro Retolaza; o almirante Rafael Lorenzo; o xerente do club, Óscar Calero; e o adestrador de vela, David Fontán.

Intervirán tamén o alcalde de Baiona, Ángel Rodal; a patroa maior da Confraría de Pescadores de Baiona, Susana Rodríguez; e o xefe de porto do Monte Real, Javier Álvarez.

ESPECIAL VELA ADAPTADA

Na segunda parte do programa, a partir das 12:30, o programa centrarase na vela adaptada para persoas con discapacidade, profundando na actividade desenvolta desde fai máis de seis anos na Escola de Vela Adaptada do Monte Real, á que, ao longo de todo o ano, asisten alumnos e alumnas de diferentes centros de Galicia.

Ademais de varios directivos e adestradores do club, intervirán o concelleiro de accesibilidade de Baiona, Policarpo Vilar; o director de Rompeolas Boats, José Luis Pérez, impulsor do barco adaptado 4ALL; o presidente do Centro Juan María de Nigrán, José Santoro; e a monitoria e voluntaria de Asem Galicia, Almudena Cobelo, entre outros.

ACCESO LIBRE ATA COMPLETAR AFORAMENTO

O acceso á gravación do Convivir Deportivo no Monte Real Club de Yates, o martes 29 de xaneiro entre as 11:30 e as 13:30 no Salón Praia Ribeira do Monte Real Club de Yates, é libre e gratuíto, e todos aqueles que desexen asistir poderán facelo ata que se complete o aforamento da sala.