Baiona e as Villas Marineras promociónanse en FITUR e premian a David Bustamante

A caseta de Cantabria na feira de turismo FITUR acolleu este xoves a presentación da oferta turística das seis localidades que forman parte da asociación Villas Marineras: Baiona, Ribadesella, Llanes, San Vicente de la Barquera, Laredo e Santoña. A entidade supramunicipal, presidida nestes momentos polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal, presentou o seu novo produto “Experiencias en Villas Marineras”.

Todos os asistentes puideron coñecer de primeira man o proxecto no que se traballou para seguir crecendo e gañando posicións no mercado turístico nacional e internacional. A oferta deste produto fórmano 60 experiencias mariñeiras realizadas por 41 empresas coas que coñecer as 6 Villas Marineras da man da poboación local e dunha forma sustentable.

“Unha nova xornada en FITUR faime sentir orgulloso do patrimonio que atesoura a Real Vila de Baiona, as súas xentes, a súa cultura e como non, a súa historia como vila mariñeira”, resalta Rodal, quen asegura ademais que as “Experiencias en Villas Marineras” farán “que toda persoa que as goce, repita a visita a cada unha das nosas vilas”.

Ademais de mostrar o seu gran potencial turístico, como portos de acollida con persoas próximas e acolledoras, a asociación entregou o “IV Premio Villas Marineras” ao cantante David Bustamante, veciño de San Vicente de la Barquera, polo seu gran labor como embaixador das vilas enxalzando a súa gastronomía, o turismo activo e de natureza, festas de interese turístico internacional, así como a tranquilidade e desconexión que lle achegan estas vilas.

Como presidente de Villas Marineras, Ángel Rodal foi o encargado de entregar o galardón, ao que considera “un dos mellores embaixadores a nivel nacional e internacional”. “Estou seguro que a partir do día de hoxe potenciará aínda máis o encanto das Villas Marineras, e desexámoslle o mellor no seu novo disco”.

O Premio Villas Marineras é un galardón co que se premia a unha persoa ou institución cuxos valores se identifiquen cos valores que promove Villas Marineras e que defenda, exalte ou promova o patrimonio e os valores dos municipios que forman parte da asociación. Obxectivo principal desta acción é crear contido sobre a marca e conseguir un posicionamento desta a través de prescritores.

Ata o momento entregáronse tres premios. O primeiro ao xornalista Carlos Herrera no ano 2015, premiando a divulgación que este xornalista fixo de Villas Marineras nos medios de comunicación. O segundo premio foi para Iñaki Gabilondo, entregado no municipio de San Vicente de la Barquera en novembro do 2016. A galardoada no ano 2017 foi María Castro, entregado en FITUR 2018, polo labor que realiza exaltando o patrimonio, tradicións e a excelencia da gastronomía das vilas mariñeiras.

ASEMBLEA ORDINARIA ASOCIACIÓN VILLAS MARINERAS

Unha vez concluída a presentación, os/as socios/as de Villas Marineras celebrarán a súa Asemblea Ordinaria no Hotel Meliá Avenida América, a cita será o xoves 24 de xaneiro ás 19:00 h. Do mesmo xeito que á presentación en FITUR, participarán os/as Alcaldes/as, os/as Concelleiros/as e Técnicos/as responsables de Turismo das localidades asociadas a Villas Marineras.

2019-01-24 - Ángel Rodal continúa su promoción de Baiona Fitur

Anuncios