Volve a Liga de Inverno do Monte Real

FOTO: ROSANA CALVO // As probas da Liga de Inverno AXA J80 disputaranse na baía de Baiona.

A próxima fin de semana volve a Baiona a Liga de Inverno do Monte Real Club de Yates, coa que a clase J80 de Galicia inaugura o calendario de regatas de 2019. A competición, que se celebra grazas ao apoio de AXA Seguros, disputarase ao longo de seis xornadas entre os meses de xaneiro e abril.

Se a meteoroloxía, que adoita ser complicada nestas datas, permite cumprir a programación, as tres probas fixadas para cada xornada darán aos participantes 18 oportunidades de sumar puntuación para a clasificación final, da que sairá, o día 6 de abril, o gañador da competición.

Na anterior edición da Liga de Inverno de J80 resultou vencedor o Miudo, un veleiro portugués do club We Do Sailing no que se alternaron á cana Francisca Barros e Afonso Leite, os patróns máis novos da competición. Ambos foron capaces de manter á súa tripulación nos postos de honra durante practicamente todas as probas e resolveron o campionato na última xornada.

Nesta ocasión, o Miudo estará liderado pola vicecampioa portuguesa de 420 Marta Ramada, unha das regatistas femininas máis destacadas de Portugal, recente gañadora da Ladies Cup.

A portuguesa terá que medirse con grandes patróns da vela galega como Javier de la Gándara ou Miguel Lago, que liderarán ás tripulacións do Okofen e o Virazón; e a habituais da competición do Monte Real como o asturiano Juan Luis Tuero a bordo do Luna Nueva, Luis de Mira liderando ao Namasté, Bernardo Macedo no Mondo ou Javier Martínez Valente no Cunichán.

A Liga de Inverno do Monte Real Club de Yates está patrocinada, este ano, por AXA Seguros, unha compañía coa que o club baionés leva anos colaborando na organización de diversas competicións.

O Monte Real inaugura o seu calendario de 2019

Coa Liga de Inverno AXA J80 o Monte Real Club de Yates inaugura o seu calendario deportivo de 2019, no que hai programadas 10 competicións e varias citas internacionais. A visita do Royal Cruising Club, un encontro náutico co Irish Cruising Club, o rally ARC Portugal e a Regata Pornic Baiona poñerán a nota internacional á axenda de eventos.

O Trofeo Conde de Gondomar, o Trofeo Príncipe de Asturias, a entrega dos Premios Nacionais de Vela ou o Campionato Galego de Solitarios e A Dous son algunhas das probas que se disputarán en Baiona, onde tamén se celebrarán o Trofeo Comunica, o Trofeo Repsol ou o Trofeo Baitra, entre outros.

Anuncios