O Cineclub Val Miñor Alice Guy abre a programación de 2019 con “Taxi Driver”

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este xoves ás 20:30 horas a proxección da película “Taxi Driver”, ofrecida polo Cineclub Val Miñor Alice Guy-Blaché en colaboración co Concello de Nigrán de xeito gratuíto. Este novo cineclub de Nigrán, que colle o nome da primeira muller en ser realizadora dunha longametraxe, ofrecerá un filme cada penúltimo xoves de mes no Auditorio Municipal.

Taxi Driver é unha película estadounidense dramática de 1976 dirixida por Martin Scorsese e escrita por Paul Schrader. Está protagonizada por Robert De Niro e conta no reparto con actores como Jodie Foster ou Harvey Keitel. O filme está ambientado no Nova York dos anos 70, pouco despois de que terminase a guerra de Vietnam, e céntrase na vida de Travis Bickle, un ex soldado solitario e mentalmente inestable que para evitar o lecer comeza a traballar como taxista, incorporándose á turbia vida nocturna da cidade.

Actualmente é considerada tanto unha película de culto como unha das mellores da súa época, de feito, en 1994 foi oficialmente considerada “cultural, histórica e esteticamente significativa” pola Biblioteca do Congreso de Estados Unidos e seleccionada para a súa preservación no National Filme Registry.

Anuncios