O IEM organiza unha Xeira Alén Miñor a Ribadavia e a súa bisbarra

FOTO: TURISMO.GAL // Igrexa e Convento de Santo Antonio en Ribadavia.

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza a súa XIX Xeira Alén Miñor baixo o título “O Ribeiro, 1ª Parte, Ribadavia e bisbarra”, prevista para o próximo 2 de marzo. Visitarase o conxunto histórico da Vila de Ribadavia, o Museo Etnolóxico, o Convento de Santo Domingo, o Museo Sefardí de Galicia, o Museo do Viño de Galicia, o Mosteiro de San Clodio do Ribeiro de Avia, a Igrexa de San Xes de Francelos e o conxunto histórico artístico de Pazos de Arenteiro, contando cos guías Antonio Míguez (Técnico da oficina de turismo de Ribadavia, vicepresidente da Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia) e Noemí Álvarez (Licenciada en Historia da Arte e Técnica de Turismo).

A saída do autocar será ás 8:00 da mañá desde a explanada do Pavillón de Deportes de Gondomar, con chegada prevista ao mesmo lugar ás 21:00 horas. O prezo é de 45 euros para os socios e de 50 euros para os non socios, incluíndo a viaxe en autobús de 56 prazas, o seguro, xantar, as visitas e os guías. Para anotarse á Xeira haberá que chamar ao IEM aos teléfonos 986 360 575/627 276 816, de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas, ou escribir un correo electrónico a oficina@iem.gal. A data límite para inscribirse será o 22 de febreiro.

Ribadavia é un claro de exemplo de urbe medieval baseada, case en exclusiva, da produción vitícula nos derradeiros 1000 anos. Foi declarada monumento nacional no 1947, grazas, principalmente, ao conxunto de rúas e prazas con pórticos de fermosa fisionomía. Tamén destacan os seus templos e pazos de diferentes estilos dende o sc. IX ao XX. A importancia da pegada dos xudeus na vila é moi notoria, principalmente na arquitectura, nos costumes e na toponimia. O Museo Sefardí é unha mostra clara da importancia da cultura, das circunstancias e a historia da poboación que viviu neste lugar durante séculos.

Aínda se conservan viñas tradicionais que parten desde case o río e chegan a coroar moitos outeiros. A partires do sc. VIII modificaron a paisaxe enchendo de miradoiros-socalcos as parroquias que miran O Avia, O Varón, O Viñao e O Arnoia. Nalgunhas delas, desleixadas co tempo, o carballo e a vexetación asociada forman unha simbiose naturalizada cos muros senlleiros. Esas castes de uva foron catadas no resto da península, illas británicas, Francia e Países Baixos, e posteriormente levadas a América (Arxentina, Uruguai e Cuba).

O viño segue sendo un dos motores económicos da bisbarra, aínda que decrecese en extensión cultivada: no ano 1917 no Ribeiro había 10.000 hectáreas cultivadas e na actualidade, coa denominación de Orixe Ribeiro hai 2.800 hectáreas cultivadas.

Anuncios